30/8/11

Marimanta entrevista a Xabier Puente Docampo

Naceu o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos sete meses a familia trasladouse a Castro de Ribeiras de Lea, onde foi por primeira vez á escola. No comezo da adolescencia fóronse vivir á Coruña onde estudou o bacharelato e maxisterio.
Traballou como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa.
Sempre estivo relacionado cos movementos de renovación pedagóxica, escribiu libros de texto para a escola e textos didácticos e pedagóxicos, fixo actividades de narración oral e deu cursos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra.
Participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertenceu durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.
Recibiu diversos premios: Premio "Feira do Libro de A Coruña, 1989", polo conxunto da obra narrativa; Premio "Emilia Pardo Bazán" do Ministerio de Educación; Premio "Rañolas 1994" á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia; "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995"; "Honourl List IBBY 1996"; "The White Ravens 1997" de la Jugendbibliothek de Munich; Premio "Lecturas" da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) de 2004; "The White Ravens 2005" da Jugendbibliotethet de Munich.
É autor, entre outras, das obras: A casa da luz, A nena de auga e o príncipe de lume, Cando petan na porta pola noite, Cun ollo aberto e outro sen cerrar, ¡Estampado!, Historias para calquera lugar, Nube de neve, O armario novo de Rubén, O home que inventou unha maneira de andar, O misterio das badaladas, O Pazo Baleiro, Os ollos de Ramón, Un conto de tres noites, Imos xuntos camiñar.

Isto é o que contestou ás nosas preguntas:

Nome?
Xabier P. DoCampo
Profesións?
Fun mestre durante corenta anos, agora estou xubilado e a miña profesión ficou reducida á de escritor.
Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Escribo desde moi neno (11/12 anos), sempre me gustou. Hai xa 25 anos que publiquei o meu primeiro libro de LIX.
Como se che ocorreu adicarte a isto?
Hai dúas razóns, ou máis ben dúas causas. Fun criado nunha casa na que o feito de narrar estaba sempre presente. Todas as noites se contaban historias e iso fixo que me afeccionase á narración. A outra é que desde moi neno me gustou ler, e lin toda miña vida moito e sigo a ler.
Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Artellar o argumento dunha historia non leva nada, pero desenvolver a creación completa, escribila, iso si que me leva bastante tempo. No caso das novelas ou dos libros de contos, lévame anos.
Como aparecen as ideas para as historias?
Como dixen antes os argumentos preséntanseme seguido e non me custa inventalos, pero a literatura faise na linguaxe e iso xa non é tan doado nin tan rápido é cousa de traballo e tempo.
Autores de literatura preferidos?
Álvaro Cunqueiro, Robert Louis Stevenson, Chejov, William Faulkner, Lewis Carroll, J. M. Barrie, Juan Farias...
Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil só son para nenos e adolescentes?
Eu trato de escribir para todas as persoas, teñan a idade que teñan, sexan do sexo que sexan e coman o que coman. Se non o fixese así deixaría este oficio. Agora ben, poño moito interese en que o que eu escribo poida ser comprendido e que lle poida interesar e gustar tamén aos máis novos.
Próximos proxectos confesables?
Traballo coma un tolo nunha novela que comecei hai nove anos e que quero rematar para marzo ou abril. Aínda non ten título, por tanto nada máis podo dicir dela.
Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!

15/8/11

O neno que tiña medo dos robots/ O robot que tiña medo dos nenos


Autor
Miguel Vázquez Freire


Ilustrador
Xosé Tomás


Editorial
Rodeira - Edebé


Álbum publicado con dous comezos diferentes e un final común nas páxinas centrais do libro.
Dous protagonistas distintos aos que lles ocorre o mesmo: Luis, un neno humano e AX-B10, un robot de última xeración.
O día comeza igual para os dous, o despertador, o almorzo, … e a advertencia dos pais de que teñan coidado cos coches da rúa, de que crucen cos semáforos en verde; e o máis importante:
Luis debe evitar aos nenos robots, os maiores enemigos dos nenos humanos!
AX-B10 debe evitar aos nenos humanos, os maiores enemigos dos nenos robots!
Camiño da escola, con tanta xente e tantos coches Luis non pode evitar verse empuxado cara ao robot. AX-B10 empuxado pola multitude, non pode evitar o peligroso encontro co neno.
Que pode pasar agora?

Trátase de analizar o medo ao diferente, o temor ao descoñecido e poñer a imaxinación a funcionar porque o final está nas nosas mans.

26/7/11

Ler... tamén en verán

Chega o verán, ese tempo case máxico para os pequenos no que apremia unha tentación en apariencia moi sá: esquecer todo o que teña que ver co académico, co estudo e coa disciplina da aula e da escola en xeral. Chega tamén, entón, un período de distensión necesaria para aquelas e aqueles que empregaron moitas, moitísimas enerxías en sacar o curso adiante, en cumprir uns programas (falo de alumnos e de profesores), de rematar, en fin, un ciclo vital. E resulta perfectamente comprensible ese desexo de abandonalo todo temporalmente, polo menos até o vindeiro curso.

E emprego a palabra “tentación” porque, na cultura que nos veu nacer, é frecuente asociar algo tan corrente como ler a unha situación académica, ou que, polo menos, debe ter unha xustificación. Na maioría das ocasións “lemos para algo”: lemos o xornal para informarnos da actualidade; lemos libros profesionais para desenvolver mellor o noso traballo; pero que pasa cando lemos porque si?

Que ocorre cando unha persoa le por puro hedonismo, polo mesmo motivo que vai ao cine, desfruta dunha boa comida ou recibe unha masaxe? Que ocorre cando lles dicimos aos nosos pequenos que tras os libros e os contos (non confundamos ambas palabras) hai unha fonte incrible de pracer? E que ocorre cando non só llelo dicimos senón que participamos con eles dese marabilloso proceso de encontro cunha realidade pluridimensional que é a literatura e, en fin, a vida mesma?

É preciso que, ao chegar o verán, os nosos nenos e nenas deixen de soñar a habitar outros lugares, a vivir outras vidas, e mesmo a habitar outras épocas? A literatura infantil, non o esquezamos, non é “cousa de nenos”. Non se trata de historias para os que non entenden, de inferior categoría, ou de pouca importancia vital. Os nosos pequenos son, simplemente, pequenos. Pero non tontos. E os libros que os autores (escritores e ilustradores) crean para eles non contan verdades menos “serias” que as historias de adultos. Simplemente están contadas nunha clave adaptada á súa idade e momento evolutivo.

Porque hai libros que axudan aos nenos a comprender a separación entre pais e fillos (a morte, as viaxes, as separacións,...); outros fálanlles da amizade, do amor aos amigos, ás parellas; noutros atoparán como vencer moitos dos medos que a cotía viven con eles; e na maioría deles, se están ben construídos, aprenderán a sentir un bocadiño máis da vida que pouco a pouco van coñecendo. E os libros, en si, non son máis importantes que unha boa película, un bo videoxogo, unha boa obra teatral, unha boa obra musical, ... porque todas elas son “lecturas” da realidade.

Pero os nenos, sobre todo nas súas idades máis temperás, precisan de “mediadores” que lles lean, nunhas ocasións, e que lles “contaxien”, noutras. No verán xa non está o mestre ou a mestra que lles estimule o pracer por saber e emocionarse. Agora estamos nós, con eles. Dicía a escritora e profesora Teresa Durán que o acto da lectura infantil debería ser un “ménage à trois”, un acto amoroso de a tres. Porque ler un libro a un pequeno non é ler as letras, os parágrafos, as páxinas...e xa está. Ler un conto a un neno é, ante todo, emocionarse con el, asustarse con el, berrar con el, aínda que iso signifique saltar parágrafos, ou mesmo cambiarlle o nome a algún personaxe.

Se comprendésemos que ler con pequenos é un acto de amor, visitaríamos máis as librerías e as bibliotecas, que teñen seccións especializadas para eles. Destinaríamos parte do que a crise nos permite a enriquecer, de a pouquiño, a súa biblioteca particular, onde agochan os seus tesouros persoais. E, sobre todo, buscaríamos o tempo necesario (e imprescindible) para ter momentos de intimidade cos pequenos, nos que enfrontármonos xuntos a monstros, príncipes, viaxes marabillosas, xentes doutras terras, e, entre risos, sorpresas e páxinas, írmonos quedando durmidos, coa ansia de, o día seguinte, volver a empezar.´

Xosé Tomás (Colectivo Marimanta)

10/7/11

Marimanta entrevista a Miguel Vázquez Freire

Naceu en Corcubión no ano 1951. É profesor de Filosofía no ensino secundario. Foi director da revista infantil “Golfiño”, codirector da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia e co-autor dos materiais educativos de Filosofía de Xerais. Promotor de «Pé de Imaxe» e de Nova Escola Galega, pertence ao consello de redacción da Revista galega de educación. Da súa obra narrativa destaca Proxecto Pomba Dourada (1987), As aventuras do Gato Bógar (1989), A malvada María Xosé (1989), A cor do elefante e outros contos (1994), Anxos en tempos de chuvia (1997), A primeira máquina de fotos (1998), O neno que tiña medo dos robots. O robot que tiña medo dos nenos (1998), Contos de Reis e de Nadal (2007), O souto escuro e perigoso (2011), a peza teatral A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos (1995), en colaboración con Gloria Sánchez. No apartado de narrativa para adultos destaca o conxunto de relatos breves Galería de esquecidos de Feliciano Lobelos (1993).

Esta é a entrevista que concedeu ao noso colectivo:

Nome?
Miguel Vázquez Freire
Profesións?
Profesor de Filosofía de instituto de ensino secundario.
Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Comecei dirixindo unha pequena revista para lectores infantís en Madrid arredor do ano 1975.
Como se che ocorreu adicarte a isto?
Foron circunstancias, en parte fortuítas, en parte procuradas. A oportunidade de dirixir a revista infantil –que finalmente foi publicada en formato libro co nome “Escocuentos”- foi resultado dun azar. Logo xa eu encontrei que a comunicación cos lectores infantís era algo que me interesaba especialmente, que conectaba coa miña vocación docente, e xa nunca o deixei.
Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Eu son un escritor lento, que maduro moito as ideas, que desboto moitas máis das que finalmente acaban medrando, e que corrixo tamén moito antes de dar por pechado un libro. Por outra banda, hai historias que saen correndo, case enteiras desde o primeiro momento, en especial no caso dos contos; e outras que se atoan, que reclaman pelexas moitas veces longas e demoradas.
Como aparecen as ideas para as historias?
Aparecen como e cando elas queren. As ideas andan por aí, ceibes, e un pode atopalas nos tempos e lugares máis inesperados: nunha persoa que cruza a rúa entre os coches, nunha nova nos xornais, na anécdota escoitada de boca dun amigo ou amiga, nas accións as veces máis aparentemente insignificantes dun neno ou dunha nena que coñeces, nos libros que les e nas pelis que ves, nas historias do pasado, no que imaxinas para o futuro, nas luces, nas sombras...
Autores de literatura preferidos?
Son tantos que a lista se faría interminable. E cambian co tempo. Teño autores para cando estou triste e outros para cando ledo, algúns para cando dispoño de tempo e podo ler de vagar, outros para ler axiña, uns para viaxar e outros para ler na cama antes de durmir. E hai algúns que serven para todo como, por exemplo, Álvaro Cunqueiro, que ten contos lixeiros e novelas máis densas, ten poesía e ten teatro, e ten, sobre todo, unha escrita que soa sempre a música e a palabra exactas.
Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil son para nenos e adolescentes?
Vaia, isto é algo así como preguntar se realmente os triángulos teñen tres ángulos! Eu diría que se non son para nenos e adolescentes logo tampouco non son literatura infantil e xuvenil. Claro que entendo que a pregunta vai referida aos libros que as editoras presentan nas súas coleccións ditas infantís e xuvenís. O problema é daquela se as editoriais acertan sempre ao escolleren eses libros. E é obvio que non sempre acertan. Os nenos e nenas son os que acertan sempre porque son eles quen teñen a última palabra. Pero, por outra banda, os gustos dos nenos e nenas non está formado de saída, non é algo que estea xa dado sen máis, senón que pode ser conformado nun sentido ou noutro e é aí onde a literatura infantil debe xogar o seu papel, en colaboración cos chamados mediadores (profesorado, pais e nais, bibliotecarios). A boa literatura infantil debe contribuír a formar o gusto literario dos pequenos lectores, non está obrigada a dar o que se presume que eles queren. Dos adolescentes non digo nada porque penso que poden ler perfectamente calquera obra. O que chamamos literatura xuvenil adoita ser literatura que conecta de forma especial cos intereses do lector adolescente pero literariamente non esixe características particulares como si o esixe o libro para nenos pequenos.
Próximos proxectos confesables?
Teño unha peza de teatro, escrita en colaboración, e dous contos breves buscando editorial. Ando cun proxecto aínda máis ben vago dun álbum en colaboración cun ilustrador. E teño o propósito firme de concluír unha novela que me ten ocupado desde hai uns cinco anos, pero isto último é o máis inseguro de todo.
Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!

5/7/11

Como comunicarse con abanos

O abano, ademais de ser un elemento indispensable na indumentaria dunha época, converteuse nun instrumento de comunicación ideal nun momento no que a liberdade de expresión das mulleres estaba totalmente restrinxida.

Cando as damas do século XIX e principios do XX ían aos bailes eran acompañadas pola súa nai ou por unha señorita de compañía, co fin de que estas velasen polo seu comportamento, polo que as mozas tiveron que inventar un medio para poder comunicarse cos seus pretendentes e pasar desapercibidas.

O abano converteuse nun auténtico parapeto de todo un repertorio, do que vemos algúns exemplos:

1.- O abano colocado cerca do corazón: Gañaches o meu amor
2.- Pechar o abano tocando o ollo dereito: Cando poderei verte?
3.- As dúas mans xuntas suxeitando o abano aberto: Esquéceme
4.- Esconder os ollos detrás do abano aberto: Quérote
5.- Achegar o abano ao redor dos ollos: Síntoo
6.- Tocar co dedo a parte alta do abano: Desexaría falar contigo
7.- Deixar o abano descansado sobre a fazula dereita: Si
8.- Deixar o abano descansado sobre a fazula esquerda: Non
9.- Abrir totalmente o abano: Espérame
10.- Situar o abano detrás da cabeza: Non me esquezas
11.- Situar o abano detrás da cabeza co dedo estendido: Adeus
12.- Dar voltas ao abano coa man esquerda: Estannos vendo
13.- Dar voltas ao abano coa man dereita: Quero a outro
14.- Entregar o abano pechado: Quéresme?

Se queredes profundizar no coñecemento deste tema podedes ir á páxina todoabanicos.com

26/6/11

A casa da luz



Autor: Xabier P. Docampo

Ilustrador: Xosé Cobas

Editorial: Xerais




A historia protagonízana 5 nenos e un home (Pumariño) que é o “raro” da vila. Viven unha aventura ao entrar dentro dun cadro que se atopa na casa case abandonada dun pintor. Nesta aventura hai soldados que protexen ao señor da torre e xentes que traballan coma esclavos para recuperar a liberdade e poder vivir no seus países de orixe, tamén hai cidadáns que non se poden relacionar cos traballadores.
Unha historia de emigración, avaricia, segregación dentro dunha sociedade e, ao principio, unha alusión á guerra civil.
No ano 2008 a produtora Vimbio Filmes comezou a rodaxe dunha película baseada neste libro, dirixida por Carlos Amil. Parte das localizacións fixéronse en Betanzos e foron varios os nenos e nenas da nosa localidade que participaron como extras.

2/6/11

El hombre con el pelo revuelto

Autor: Daniel Nesquens

Ilustrador: Emilio Urbernaga

Editorial: Anaya





O tío Fermín, un home misterioso, conta historias cheas de humor surrealista ao seu sobriño, que di del:
ahora que lo pienso: tal vez había una fuerza invisible que lo atraía hacia nuestra casa y le hacía descargar todas aquellas historias reales o inventadas, divertidas, llenas de sorpresas. Sí, todavía me acuerdo

15/5/11

Parece unha rosa

Autora: Rosalía de Castro
Ilustradora: Isabel Pintado
Editorial: Espiral Maior

Vente, rapaza,
vente meniña,
vente a lavar
no pilón da fontiña.

Vente, Minguiño,
Minguiño, vente;
douche, senón
polo demo do dente.


Así comeza o poema que representa a sinxela historia dunha neniña que desfruta dun fresco baño nun pilón e que enche as páxinas deste álbum ilustrado con dozura por Isabel Pintado.

A editorial Espiral Maior vén de poñer en marcha unha colección poética destinada aos máis cativos, que recibe o nome de Lúa Lueira. Abren esta colección o libro citado máis o titulado Cantiga do mazarico, de Emilio Pita.

19/4/11

O claro do bosque

Érase unha vez un grupo de nenos aventureiros que escaparon do Castelo da Ignorancia tan rápido como o permitían os seus pés. A noite véuselles encima, cos seus sons aterradores e as súas misteriosas formas fantasmagóricas, e acháronse no medio dun bosque escuro. Ao non poder ver cara a onde ían, abrazáronse para darse calor e protección e así permaneceron ata o amencer.
Cando saíu o sol, os nenos viron con sorpresa que se atopaban nun claro do que partían tantos carreiros, en direccións diferentes, que case era imposible contalos. Os carreiros tiñan curvas e recunchos de forma que non podían saber o que había ao final, soamente podían imaxinarllo.
—Eu irei por este lado —dixo un raparigo, e tomou un dos carreiros.
Pronto chegou a unha cidade medieval de altas murallas e gallardetes ao vento. Atravesou valerosamente a súa gran porta de entrada, e naquel lugar correu grandes aventuras.
—Este carreiro parece interesante —dixo unha nena —.Non podo imaxinar o que hai á volta do recodo.
Por iso, partiu noutra dirección e pronto se atopou nunha nave espacial, vendo como o sistema solar se facía máis pequeno, a medida que a nave avanzaba cara ao centro da galaxia.
—Eu quero atopar unha espada máxica coa que vencer ao xigante malvado que nos tivo tanto tempo prisioneiros —exclamou un neno.
—Eu tamén.
E ambos tomaron outro carreiro, pensando dar batalla ao malvado xigante.
—Gustaríame ver o mundo enteiro, coñecer todos os países e todos os seus pobos, escoitar os seus idiomas e xogar cos seus nenos.
—E eu necesito saber como funciona o mundo. Por que caen as follas ao chan mentres que as estrelas permanecen no ceo. Quero sabelo todo.
Pronto se foron todos os nenos, excepto unha nena pequena. Mirou ao redor do claro luminoso e aos diferentes carreiros, uns agora explorados e outros, esperando que alguén atope o que se oculta detrás dos seus recodos.
Puxo a súa man sobre a suave cortiza dunha árbore, dicindo en voz alta:
—Este lugar é máxico. Desexo saber como se chama.
E o claro do bosque contestoulle:
—O meu nome é Biblioteca.



Mónica Hughes

13/4/11

Mamá Cabra

Mamá Cabra é un grupo de música infantil.
Eles preséntanse dicindo que a idea orixinal partíu de facer cancións para as clases de Educación musical, pero acabaron subidos a un escenario e artellando xogos para compartir un momento de ritmo, canto, audición e sobre todo movemento musical. Sempre hai unha canción para falar da importancia de comer de todo, de comer froitas e verduras, sempre hai algunha de bailar e sempre hai algunha de cantar. Teñen dous espectáculos en marcha que duran sobre unha hora e van dirixidos a nenos e nenas entre 0 e 10 anos.
Ademais publicaron xa sete libros:


  • Cantos Rodados

  • Cantando Comigo

  • Tan só con leres un libro

  • Cartas que veñen e van

  • Patatín Patatán

  • Todos os animais ó caixón

  • Ola, ola, la!

Na súa páxina web (http://mamacabra.com/ ) podemos coñecelos mellor e ademais escoitar a súa música, mesmo baixar algunha canción.

3/4/11

Colección "Mi primer…"

É esta unha colección de álbumes ilustrados ideada e coordinada por Arturo Pérez-Reverte, para a editorial Alfaguara. O seu obxectivo é dar a coñecer no mundo infantil a grandes autores literarios descoñecidos para os nenos.

De momento estes son os títulos publicados:

Mi primer Arturo Pérez-Reverte. El pequeño Hoplita.











Mi primer Mario Vargas LLosa. Fonchito y la luna.











Mi primer Eduardo Mendoza. El camino del cole.











Mi primer Javier Marías. Ven a buscarme.

26/3/11

Cousas da vida




Cousas da vida por Castelao. Nenos

Editorial Galaxia










Non poderiamos engadir ningún comentario máis intelixente ca esta reflexión.

20/3/11

As flores radiactivas

Título: As flores radiactivas
Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Miguelanxo Prado
Editorial: Xerais

Na fosa atlántica, onde ata 1982 os países europeos botaron vertidos radiactivos, dous pesqueiros descobren un resplandor misterioso procedente dunha gran mancha brillante. A OTAN envía uns barcos a inspeccionar a zona e resultan ser unhas flores brancas de intenso recendo que provocan en quen as cheira a súa conversión ao pacifismo.
Alba, en Pontebranca, axúdalle a seu irmán, membro da organización ecoloxista ADEGA a recabar información sobre elas e mesmo se mete de polizona no Firrete, barco no que un grupo de ecoloxistas e periodistas van visitar a fosa. Gracias á rapaza, conseguen facerse cunha mostra das flores para analizalas...

Como anexo informativo, incorpóranse ao final do libro documentación sobre os vertidos na fosa atlántica.
Bo momento para ler ou reler un entretido relato de aventuras que trata sobre un episodio un tanto esquecido da nosa historia recente relacionado coa radiactividade.

11/3/11

125 aniversario do nacemento de Castelao

AOS MOZOS GALEGOS

Eu quero adicarvos esta miña primeira novela. Fíxena para derramar o tempo que me sobraba, máis que para sentir o gozo de crear unha peza de arte. Prestóume horas de vida feliz e xa me daría por satisfeito co que me divertín ao escrebila; pero foi maxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que algo terá de bó. Estóu seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e tan miña que non podería oferecervos nada mellor.


Adicatoria do autor ao comezo do libro:


Os dous de sempre. Editorial Galaxia

Nesta novela Castelao narra a vida de dous protagonistas dende a infancia ata a madurez, con dúas personalidades contrapostas:
• Pedriño, o fillo máis vello dunha familia pobre, vive cunha tía que o protexe de máis. É lacazán, conformista e ve pasar a vida sen ningún obxectivo.
• Rañolas, eivado das pernas, sen pai e cunha nai borracha, é agudo, activo e emprendedor, e loita por unha vida mellor.

13/2/11

5/2/11

Como comunicarse con flores

A linguaxe das flores atribúese aos gregos, aínda que algúns autores fan referencia aos turcos, os significados desta linguaxe están practicamente esquecidos, pero mantéñense algunhas asociacións:
  • A rosa vermella é sinónimo de amor.
  • A amarela de amizade.
  • A branca suxire virtude e castidade.
  • A rosada implica indecisión, admiración, simpatía.
  • A camelia branca é simbolo de amizade incambiable.
  • A margarida branca de inocencia e pureza.
  • A gardenia significa alegría.
  • A flor de azahar, castidade.
  • O tulipán, amor desesperado se é de cor amarela e unha sutil declaración de amor se é vermello.
  • O caravel significa distinción e nobreza.
  • O lirio, inocencia, pureza e alegría.
  • O xirasol pode querer decir tanto altivez coma respeto.

Ademais, a mensaxe cambia en función da posición en que se ofrece. Deste xeito, unha flor, que por regra xeral, expresa todo o amor dunha persoa cara a outra, se se entrega co talo cara arriba significa xusto o contrario.
Para demostrar amor, non se pode regalar un ramo de flores cun número par delas, sempre impar.

29/1/11

Proxecto ContoPlanet

A Editorial Galaxia e Perro Verde Films acaban de presentar os primeiros cinco contos en galego preparados para ser descargados como aplicación para iPad e iPhone. O proxecto, denominado ContoPlanet, é froito da colaboración entre a editorial e a produtora, coa colaboración tecnolóxica de Milrayas.
Dende a tenda de Apple Store poderán descargarse os contos Puag, que noxo! e Un can no piso!, de Fina Casalderrey, Quen son?, de Alicia Borrás, Voces no lagoa do espantallo, de Xan López Domínguez e Conto para non comer, de Oli. Nun primeiro momento e durante un tempo promocional, Puag, que noxo! poderá descargarse de balde.

Características máis salientables destes contos interactivos:
  • Todos os contos inclúen tres idiomas: galego, castelán e inglés, e tamén a opción de mostrar e ocultar os textos.
  • Poderanse ver e escoitar de forma automática, sen necesidade de tocar a pantalla.
  • Tamén é posible pasar as páxinas do conto de maneira manual e gozar así con zonas táctiles interactivas, sons, efectos de paso de páxina, animacións e movementos dos personaxes en escenarios con vida propia.
  • Os usuarios poderán sustituir a voz do narrador pola súa propia, dedicar o conto a alguén e incluso ocultar os textos e cambiar a historia ao seu antollo, creando así un conto personalizado.
  • Outra posibilidade é a de seleccionar os textos do conto nun idioma e a narración noutro, boa opción para practicar e aprender idiomas.
  • Permite comentar as sensacións do lector nas principais redes sociais (facebook, twitter... ), así como enviar recomendacións a amigos a través de email.

22/1/11

A malvada Mª Xosé

“Os que coñecíamos «O Pasatempo» sabíamos que está todo furado por baixo e que un pode subir dende o estanque da parte baixa, por unhas covas, ata as grutas da parte alta, e ó revés, claro, e ademais estas covas comunícanse tamén con outras que saen dunha fontiña ou algo así que hai á dereita no estanque, segundo se mira dende abaixo; sáese pola boca dun bicho mi raro, feíto en pedra, claro, un bicho que asemella un demo ou que sei eu. Entón, ó ver Viri como o fisterrán subía onda as covas da parte de arriba, ocorréuselle a idea. Ou sexa, que nos dividisemos e nos distribuisemos polas covas aquelas.”

Fragmento da obra A malvada Mª Xosé,
no que se describen as covas do Pasatiempo, en Betanzos


Título: A malvada Mª Xosé
Autor: Miguel Vázquez Freire
Ilustrador: Xosé Mª Collazo
Editorial: Xerais

María Xosé é unha rapaza de catorce anos que vive na Coruña e estudia nun instituto da cidade, gorda, algo fea e de lingua mordaz, é tan malvada que decide burlarse dunha compañeira, Viri, moi afeccionada ás novelas de pandas e que creou unha cuadrilla de aventureiros.
María Xosé inventa un secuestro e failles chegar unha mensaxe anónima que os invita a entrar nun asunto misterioso. Viri asume o asunto como propio dun grupo de valentes como é o seu e comeza a investigación. Para lle dar máis veracidade ó asunto, Mª Xosé únese ós da panda cando estes comezan a seguir a pista, que empeza nunha casa abandonada. A historia culmina nas ruínas do Pasatempo, en Betanzos, coa oportuna intervención da policía. O que empeza coma unha broma da nena mala e cohibida, acaba converténdose nun perigoso incidente político.

Son varias as voces narradoras desta historia, que se mesturan co diario da protagonista. Resulta unha novela moi amena pola situación de intriga que se crea, e o tratamento humorístico que se lle da.

15/1/11

Camiño perigoso

Título: Camiño perigoso
Autora: Ánxela Loureiro
Ilustrador: Juan Carlos Abraldes
Editorial: Xerais

Alba, unha moza de trece anos, filla de Xan o Poeta e dunha costureira, conta que a súa apracible vida cambia no momento en que os seus pais desaparecen e ten que coidar dos seus irmáns pequenos.
A protagonista decátase da inxusta realidade cando se entera de que o pai saíra cun grupo de campesiños para protestar ante o Señor de Endrino de Pontedemo polos impostos excesivos que os condenaban á miseria.

Practica co tirapedras, aprende a usar o arco e, deixando aos seus tres irmáns preparados para buscarse a vida, decide emprender un arriscado percorrido na procura dos seus pais. A adversidade, a fatiga, os medos e as doenzas non impiden que siga adiante e se mergulle nunha apaixoante aventura.

É unha novela de aventuras ambientada no medievo, onde se mesturan a acción, o drama, o amor e os toques humorísticos.

6/1/11

Memorias dun neno labrego cumpre 50 anos

“Debe ser boa cousa chegar a grande. Os grandes son donos de si e do mundo. Fan e desfán, gobernan, arman ó merlo con guerras, negocios e canta trangallada hai. Pero, como di a madriña, «non sempre é ouro o que reloce». Os grandes teñen as súas tristuras e desacougos. E ás veces inda nos gañan en rapazadas. De non ser así non se encabuxarían cando lles sinalamos algo que está mal.
Se pelexamos entre nós, métense eles. Non se decatan de que as nosas liortas son namais que enredos. Rabuñámonos agora e daquí a un chisco estamos amigos outra vez.”

Así comeza o capítulo adicado aos grandes.


Memorias dun neno labrego foi publicado por primeira vez en xaneiro de 1961 en Bos Aires (Arxentina), onde vivía naquel momento o seu autor, Xosé Neira Vilas, nado en Gres, Vila de Cruces (Pontevedra), en 1928.
A editorial encargada desta labor foi Follas Novas, fundada catro anos antes por Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda.
En Galicia publicouse por primeira vez en maio de 1968 por iniciativa de Edicións O Castro.
Existen tamén edicións en castelán, portugués, alemán, catalán, euskera, ruso, italiano, checo, inglés, francés.
O autor conta desde a óptica de Balbino a vida dun neno mergullado nunha aldea do interior de Galicia nos anos 20-30 do pasado século. Balbino é un neno labrego, ten unha familia moi pobre que traballa as terras do señor, pensa moito no mundo e reflexa a súa vida nunha especie de diario.

É este un texto clásico da literatura infantil e xuvenil que constituiu un fito na literatura galega debido ao seu éxito e impacto popular. Aínda que a vida nas nosas aldeas non sexan hoxe como a que nos conta Balbino, a lectura desta obra segue sendo unha fermosa maneira de coñecer o noso pasado recente.

2/1/11

Contos de Reis e de Nadal

Autor: Miguel Vázquez Freire
Ilustrador: Xosé Tomás
Editorial: Xerais

4 contos de Reis nos que nos podemos poñer no lugar do robot que chega a unha casa coma regalo para un neno, sabemos que pasa se unha nena permanece desperta cando chegan as Súas Maxestades, coñecemos a un neno ao que nunca lle traen o que el pide e a outro que o so é feliz cando pode compartir os seus numerosos xoguetes con outros que non teñen ningún.
3 contos de Nadal onde hai mulleres que foxen das guerras e da fame, homes que reconstúen a súa casa cada vez que unha bomba lla destrúe, e nenos e maiores que pensan sobre o significado do Nadal.

Contos curtos moi agradables e emotivos que ademais de permitirnos pasar bos momentos poden axudarnos a reflexionar sobre temas da nosa sociedade, que parecen máis evidentes nestes momentos de celebracións, co obxectivo de construír un mundo máis solidario e feliz.

26/12/10

Tempo de Nadal

Aquí vimos catro,
cantaremos oito;
déanos o aguinaldo:
fociño de cocho.

Ao aguinaldo vimos,
ao aguinaldo andamos;
se nos dan touciño
tamén o levamos.

Déanos o aguinaldo
anque sexa pouco:
un touciño enteiro
e a metade doutro.

Poema recollido en O libro dos cen poemas, de Xosé María Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez, publicado pola editorial Espiral Maior.

19/12/10

Cine e literatura. Harry Potter

Desde o seu nacemento o cine bebeu en case todas as fontes da literatura. E fíxoo, tanto co obxectivo de apoiarse na popularidade das novelas ou obras de teatro como co fin de extraer temas, argumentos ou personaxes.
Por outra banda, numerosas obras literarias pasaron ao cine e chegaron a un público que, de non ser por este modo de expresión, nunca as tería coñecido. A película en moitas ocasións acerca ao espectador á obra literaria, xa que este intenta recrear e recordar as imaxes vistas na pantalla.
Harry Potter é unha serie de novelas fantásticas escrita pola autora británica J. K. Rowling. Desde o lanzamento da primeira novela en 1997, tanto os libros coma as adaptacións cinematográficas lograron unha inmensa popularidade, críticas favorables e un gran éxito comercial, pero nestes últimos anos, despois da publicación do sétimo título no ano 2008, o número de lectores foi diminuíndo. É de esperar que a partir do estreo da película Harry Potter y las Reliquias de la Muerte. Parte 1 o interés pola obra escrita se revitalice.
Nesta heptaloxía nárranse as aventuras do aprendiz de mago Harry Potter e os seus amigos Ron Weasley e Hermione Granger, durante os sete anos que pasan no Colexio Hogwarts de Maxia e Hechicería. O argumento céntrase na loita entre Harry Potter e o malvado meigo lord Voldemort, quen matou aos pais de Harry no seu afán de conquistar o mundo máxico.

Os sete títulos publicados son:
Harry Potter y la piedra filosofal
Harry Potter y la cámara secreta
Harry Potter y el prisionero de Azkaban

Harry Potter y el cáliz de fuego
Harry Potter y la Orden del Fénix
Harry Potter y el misterio del príncipe
Harry Potter y las Reliquias de la Muerte

5/12/10

Las crónicas de Narnia

Unha vez máis o cine toma como fonte de inspiración unha obra de literatura infantil e xuvenil.
Acaba de estrearse a terceira entrega das Crónicas de Narnia; despois de “El león, la bruja y el armario” e de “El príncipe Caspian” chega “La travesía del Viajero del Alba”.

“Las Crónicas de Narnia” é unha heptalogía de libros infantís escrita polo escritor anglo-irlandés C. S. Lewis. Relata as aventuras en Narnia, terra de fantasía e maxia, poboada por animais parlantes e outras criaturas mitolóxicas que se ven envolvidas na eterna loita entre o ben e o mal. Aslan, un lendario león creador do país de Narnia, constitúe o auténtico protagonista de todos os relatos. Os catro irmáns Pevensie: Peter, Susan, Lucy e Edmund, aínda que ausentes directamente en dous títulos, serven de fío condutor. As Crónicas de Narnia adaptáronse varias veces, completa ou en parte, para a radio, a televisión, o cine e o teatro e foi traducida a máis de 41 idiomas. Ademais de numerosos temas cristiáns tradicionais, a serie toma os personaxes e as ideas da mitoloxía grega e a mitoloxía romana, así como dos contos de fadas tradicionais británicos e irlandeses.
A orde de publicación dos sete libros da saga foi o seguinte::
1950: “El león, la bruja y el armario“.
1951: “El príncipe Caspian“.
1952: “La travesía del Viajero del Alba“.
1953: “La silla de plata“.
1954: “El caballo y su jinete”.
1955: “El sobrino del mago“.
1956: “La última batalla“.
A maior parte das edicións actuais ordenan os libros segundo a cronoloxía da narración:
“El sobrino del mago” (no que se conta a creación de Narnia),
“El león, la bruja y el armario”,
“El caballo y su jinete”,
“El príncipe Caspian” ,
“La travesía del Viajero del Alba”,
“La silla de plata”,
“La última batalla”.

Tamén nestes días podemos ver nos cines a sétima entrega de Harry Potter: Harry Potter y las Reliquias de la Muerte: Parte 1.

29/11/10

Os soños na gaiola

O meu burriño
¡Arre, corre,
meu burro trotón,
meu burriño manso,
meu burriño bon!

-¡Corre meu burriño;
non galopes, voa!
¡A ver se lle gañas
ó vento que zoa!

-¡Arre, meu burriño,
que es un preguiceiro!
¡A ver se lle gañas
ó vento lixeiro…!

-¡Corre, meu burriño,
nos cascos pon ás!
¡Se queres, o vento
deixarás atrás…!

-¡Arre, meu burriño!
¡Corre máis deprisa!
¡Que se perde o vento
xa verás que risa…!

Poema extraído do libro Os soños na gaiola, de Manuel María.
(Se queres escoitalo cantado por Suso Vaamonde, preme aquí, seguro que che gustará.)

Autor: Manuel María

Ilustrador: Xaquín Marín

Editorial: Xerais

Este libro está constituido por medio cento de poemas nos que o autor percorre o mundo infantil galego con estructuras sinxelas e rítmicas. Os temas que trata van dende Galicia e o mundo ata os animais e as persoas, pasando polas cousas máis cercanas a nós.
A unión dos dous xeniais creadores galegos: o poeta Manuel María e o debuxante Xaquín Marín fan deste libro unha pequena xoia da que deberian disfrutar todos os nosos nenos e nenas.
Moitos destes poemas foron cantados por Suso Vaamonde e recollidos nun disco titulado coma o libro: Os soños na gaiola.
(Se queres escoitar algunha das cancións preme aquí)

21/11/10

Marimanta entrevista a Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba (Lugo) no ano 1947.
Perito Industrial Mecánico, Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación, exerceu como profesor de EXB en diferentes centros e como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2, de Vigo, ata a súa prexubilación, no ano 2008.
É autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil: A cidade dos desexos; Contos por palabras; As tundas do corredor; Trece anos de Branca; Cartas de inverno; Amor dos quince anos, Marilyn; Avenida do Parque, 17; No corazón do bosque; Un tren cargado de misterios; O meu nome é Skywalker; A escola dos piratas ; Fantasmas no corredor; Corredores de sombra; Querido inimigo; O único que queda é o amor; entre outras.

Ao longo da súa carreira recibiu varios premios: Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, O Barco de Vapor, Protagonista Jove, Edebé Infantil, Ourense de Banda Deseñada. No ano 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil.
Nestes días acaba de rexeitar o Premio da Cultura Galega das Letras a través dun escrito no que manifesta: “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”.

Esta é a entrevista que concedeu ao noso colectivo:

Marimanta: Profesións?
Agustín:
A miña profesión principal foi a de ensinante, máis que a de escritor. Dei clase en todos os niveis da antiga EXB, da ESO e do Bacharelato. Antes, traballei durante un tempo na miña profesión primeira, a de perito industrial. Na actualidade estou xubilado. Desde hai varios anos, a escritura é a miña ocupación exclusiva.

M: Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Agustín: Levo escribindo “en serio” (ou sexa, pensando en publicar) uns vinte e cinco anos. Toda unha vida, en calquera caso. Non sei se sabería xa pasar sen escribir.

M: Como se che ocorreu adicarte a isto?
Agustín: Non foi algo que se me ocorrera, sen máis. A min apaixóname ler, desde sempre, e creo que ten a súa lóxica que nun momento da vida decidise pasar “ao outro lado do espello” e ensaiar a creación das miñas propias historias. Ao primeiro era unha especie de hobby, mais, co paso dos anos, acabou converténdose nunha actividade imprescindible para min.

M: Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Agustín: Non me saen con rapidez, supoño que para iso tería que ser moito mellor do que son. Cada libro leva tempo, moito, e traballo. Tanto se o texto é duns poucos folios como se é de douscentos. A escrita do borrador pode ser relativamente rápida, mais logo hai que dedicar un tempo amplo a lle dar forma a ese borrador. Con todo, eu non diría que me custa sacar os libros adiante: simplemente, que precisan de moitas horas de traballo.

M: Como aparecen as ideas para as historias?
Agustín:
Eu sempre digo que se escribe cos fíos da vida. A vida é o único que temos a man os escritores para construír as nosas historias. O punto de partida, o que podemos chamar a idea, pode xurdir en calquera momento e de calquera cousa. Non é complicado ter ideas, que moitas veces veñen soas e outras, pode axudárselles con preguntas do tipo “Que pasaría se…?”. Ter ideas non é o problema; o problema é darlles forma e desenvolvelas a través dunha historia que atrape o lector e que me satisfaga a min.

M: Autores de literatura preferidos?
Agustín: Moitos, non caberían en varios folios. Por sorte, na literatura non hai unha escala de autores. Así, de súpeto, cito algúns nomes entre os moitos que podería lembrar: Verne, Rosalía de Castro, Stevenson, Ferrín, Paul Auster, Blanco Amor, Lovecraft, Kafka, Roald Dahl, Murakami…

M: Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil só son para nenos e adolescentes?
Agustín: Se son boas, nunca poden estar restrinxidas a nenos e adolescentes. Un bo libro interpela a calquera lector. O que caracteriza a LIX é precisamente dirixirse tamén a lectores en formación; pero iso nunca pode excluír os lectores que xa teñen unha boa competencia lectora.

M: Próximos proxectos confesables?
Agustín:
Os proxectos, en principio, son todos confesables. O meu próximo libro sairá á altura de febreiro ou marzo e chamarase Fantasmas de luz. E, se todo vai ben, aló polo outono tería que aparecer outro chamado Corazón de pedra. Logo ando a traballar noutros dous libros, mais aínda é cedo para falar deles.

M: Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!
Agustín:
Grazas a vós. Merecédelas, e moito, todas as persoas que axudades a espallar os libros e espertar o interese pola lectura.

19/11/10

Bat Pat en Donín


O próximo día 26 de novembro, ás 18 h, o famoso detective Bat Pat visitará a librería Donín de Betanzos.

Bat Pat é un morcego escritor e detective que un día deixou o seu húmido fogar do cemiterio para instalarse no faiado dos Silver. A partir dese momento non deixou de vivir experiencias arrepiantes cos tres fillos da familia: Rebecca, Martin e Leo.

A colección de libros que narra as aventuras protagonizadas por este personaxe é obra de Roberto Pavanello e estase convertindo nunha das lecturas favoritas de nenos e nenas de 7 a 11 anos.

Se queres coñecer algo máis sobre Bat Pat podes consultar a páxina oficial.

14/11/10

Outra forma de ler: o alfabeto braille

O braille é un sistema de lectura e escritura táctil pensado para persoas cegas. Non é un idioma, senón un alfabeto. Co braille poden representarse as letras, os signos de puntuación, os números, a grafía científica, os símbolos matemáticos, a música, etc. Existen adaptacións para cada idioma.
Adoita consistir en celas de seis puntos en relevo, organizados en tres filas e dúas columnas, que convencionalmente se numeran de arriba a abaixo e de esquerda a dereita. Ao arranxar os puntos en varias combinacións, pódense formar 64 patróns diferentes. Lese movendo a man de esquerda a dereita, pasando os dedos por cada liña.
Foi ideado por Luís Braille (1809-1852), nacido en Coupvray, Francia.
Estudou no Instituto Nacional de mozos cegos de París debido a que quedara cego aos tres anos. Era un estudante que posuía dotes para a ciencia e a música e tocaba o órgano e o violoncelo.
Cando tiña 13 anos, o director da escola pediulle que probase un sistema de lecto-escritura táctil inventado por un militar chamado Charles Barbier para transmitir ordes sen ter necesidade de delatar a posición durante as noites. Louis Braille descubriu ao cabo dun tempo que o sistema era válido e reinventouno utilizando un sistema de 8 puntos. Ao cabo duns anos simplificouno deixándoo no sistema universalmente coñecido e adoptado de 6 puntos.

6/11/10

Outra lenda da "Cova da Serpe"

No monte "Cova da Serpe" vivía unha enorme cobra que tiña cheos de medo ós veciños de Miraz, pois sempre baixaba beber nunha fonte cerca da Torre que aínda se coñece polo nome de "Pozo da Serpe". A xente decidiu un día acabar con tal monstro e para iso argallaron de darlle de comer un burro enzoufado en alcatrán. A Serpe comeu o burro e morreu de contado. Aínda na cima do monte existe a cova onde vivía o animal, de aí o nome que leva.

Lenda recollida do libro Lendas galegas de tradición oral, de X.M. González Reboredo, da editorial Galaxia.

1/11/10

El diablo de los números

“–Ven aquí –dijo el anciano a Robert–, voy a contarte una cosa.
Robert se inclinó hacia él, tan cerca que el bigote del anciano le hizo cosquillas en el oído, y el diablo de los números le susurró un secreto:
–Tienes que saber que existen números, absolutamente normales, que se pueden dividir; y luego están los otros, aquellos con los que eso no funciona. Yo los prefiero. ¿ Y sabes por qué? Porque son números de primera. Los matemáticos llevan mil años rompiéndose la cabeza con ellos. Son unos números maravillosos. Por ejemplo el once, el trece o el diecisiete.
Robert se sorprendió, porque de repente el diablo de los números parecía extasiado, como si estuviera disolviendo en la boca una golosina.
–Y ahora por favor, dime, querido Robert: ¿cuáles son los dos primeros números de primera?
–Cero –dijo Robert para enfadarle.
–¡El cero está prohibido! –gritó el anciano, volviendo a esgrimir su bastón.”


Este texto está extraído do libro:

El diablo de los números.

Autor: Hans Magnus Enzensberger

Ilustración: Rotraut Susanne Berner

Editorial: Siruela


O argumento xira ao redor dun neno chamado Robert que odia as matemáticas xa que o seu profesor fai as clases tediosas e pouco entendibles. Unha noite ten un soño especial no que coñece un pequeno demonio chamado Teplotaxl quen lle explica datos curiosos sobre os números e o fácil e divertido que pode ser traballar con eles cando os aprendes dun xeito adecuado.

Libro recomendado para todos aqueles que temen as Matemáticas con idades comprendidas entre os 8 e os 88 anos.

24/10/10

Peter Pan

Neste ano, 2010, cúmprense 150 anos do nacemento de James Matthew Barrie, pai do coñecido personaxe Peter Pan.
J. M. Barrie naceu en Kirriemuir, Angus (Escocia) no seo dunha acomodada familia victoriana, foi educado na The Glasgow Academy e a Universidade de Edimburgo. Exerceu de xornalista en Nottingham, logo en Londres, e logo pasou a ser novelista e posteriormente autor teatral.
Está enterrado en Kirriemuir xunto aos seus pais, a súa irmá e o seu irmán maior David, quen morrera nun accidente de patinaxe xusto antes do seu décimocuarto aniversario, este suceso condicionou a vida posterior de toda a familia, en especial, a de James, que contaba con seis anos naquel momento.
Peter Pan naceu primeiro como conto en versión oral e o seu autor estivo escribindo moitas versións do mesmo ata o seu propio falecemento. Foi en 1903 cando comezou a ser máis amplamente coñecido. En 1904 transfórmase en obra de teatro representada con grande éxito, e en 1911 convértese en conto, titulado Peter Pan y Wendy, sendo doados todos os dereitos da publicación, ao Hospital Infantil de Londres.
Peter é representado como un neno pequeno que rehúsa medrar e que convive con outros nenos da súa mesma idade, os chamados Nenos Perdidos, no país de Nunca Xamais, unha illa poboada tanto por piratas como por fadas e sereas, onde Peter Pan vive numerosas aventuras fantásticas durante toda a eternidade.
No primeiro conto publicado, Peter invita á nena Wendy Darling ao País de Nunca Xamais para que sexa a nai da súa cuadrilla de "Os nenos perdidos". Os seus irmáns John e Michael tamén a acompañan na súa máxica aventura. Ao longo da historia preséntanse diversas e numerosas anécdotas fabulosas, entre elas cando a fada Campanilla case morre ao inxerir un veleno, e unha confrontación co inimigo directo de Peter, o pirata Capitán Garfio.
Ao final, Wendy decide que o seu verdadeiro espazo para vivir atópase no seu fogar a carón dos seus pais e por iso leva aos seus irmáns de regreso a Londres, mentres que Peter Pan queda en Nunca Xamais, prometendo á súa compañeira de xogos volver repetidamente a visitala.
Nestes máis de cen anos de existencia Peter Pan foi adaptado ao cine (Disney 1953, 2002; Steven Spielberg, 1991; P. J. Hogan, 2003), converteuse en protagonista de musicais, e sufríu numerosas adaptacións nas que se continuaron as aventuras ficticias de Peter Pan (unhas autorizadas e outras non).
En 2004, para conmemorar os 100 anos da aparición de Peter Pan, o Great Ormond Street Hospital (que posúe os dereitos da obra de J. M. Barrie) convocou a narradores interesados en escribir a secuela oficial da historia. A gañadora foi Geraldine McCaughrean, con Peter Pan de Rojo Escarlata, libro que saíu á venda, a nivel mundial, o 5 de outubro de 2006, en 37 idiomas distintos.
Como sucede con outros, tamén este personaxe literario deu nome a un trastorno médico: A síndrome de Peter Pan converteuse nun termo psiquiátrico utilizado para describir a un adulto que ten medo das obrigas e compromisos e que se nega a actuar de acordo á súa idade.

17/10/10

Cultura popular

O CORVO E O RAPOSO

Unha vez encontráronse un corvo e un raposo que eran compadres. O raposo invitou ao corvo a merendar unha pita, pero, como estaba tan dura, picaba e picaba, e non podía comer nada, mentres que o raposo, coas uñas e cos dentes, esmendrellou a pita e comeuna en seguida, e o bo do corvo tívose que marchar con máis fame que tiña.
De alí a pouco, foise o corvo e invitou ao raposo a unha merenda de tripas, que tiña metidas dentro dunha ola. O raposo non puido comer nada, porque non lle cabía a cabeza na ola, e o corvo metía o pico entre as tripas, e facía: "Glo-glo-glo", ata que as comeu todas. Entonces díxolle o raposo:
— Ai, compadre: destas merendar, poucas.

Adaptación dun conto popular recollido no libro Contos populares da provincia de Lugo, da editorial Galaxia

10/10/10

Vantaxes e inconvintes dos lectores de libros electrónicos

Vantaxes

  • Permite almacenar unha enorme cantidade de obras dixitais, que ocuparían miles de páxinas en papel.
  • Pódese cambiar o tipo e o tamaño da fonte, tomar notas e logo borralas, buscar o significado dalgún termo do texto por internet ou nun dicionario preinstalado.
  • Pódense descargar subscricións a revistas.
  • Permite levar a todas partes os títulos favoritos de cada un, aproveitando calquera intre para ler.
  • Ten a posibilidade de conectarse a internet desde calquera sitio, para comprar un ebook cando faga falta.
  • A maioría de lectores posúe a función text-to-speech, o lector "le" en voz alta.
  • Ao non ter retro-iluminación, gasta pouco en enerxía, polo que as baterías dun lector de eBook poden aguantar ata 10.000 páxinas lidas.

Inconvintes

  • A enorme diversidade de formatos segue sendo un problema para os usuarios de ebooks.
  • A pesar de que existan modelos de lectores ebook que visualizan as cores, estes non son precisamente baratos.
  • As baixas frecuencias de refresco non permiten ver animacións e vídeos, ademais o cambio de páxina nalgúns modelos segue sendo algo lento e borroso.
  • A pesar da súa portabilidade e da longa duración das súas baterías, chega o momento en que se necesita recargalas.
  • Ler un libro dixital nun e-reader actual resulta máis difícil en situacións con exceso de luz externa.
  • A fabricación de ebook-reader require o uso de sustancias tóxicas. Non son aparellos reciclables.
  • Os lectores electrónicos son de difícil alcance para os menos favorecidos do mesmo xeito que a descarga online de contidos. Un libro en papel usado costa moito menos e é máis fácil de conseguir; polo custo dun e-reader novo pódense comprar moitos libros impresos de ocasión.

3/10/10

Esa caótica química

"¡A que no lo sabías!
¡Tu sangre contiene metales! El científico italiano Vincenzo Menghini (1701-1759) fue quien hizo este vital descubrimiento. Añadió limaduras de hierro a la comida para sus perros. Quería ver adonde iba el hierro y resultó que a la sangre de los perros. El hierro que contienen los glóbulos rojos atrae los átomos de oxígeno, lo que permite a la sangre transportar oxígeno por todo el cuerpo. Unas arañas tienen cobre en vez de hierro en la sangre y por eso su sangre es azul."


Texto extraído do libro: Esa caótica química
Autor: Nick Arnold
Ilustrador: Tony De Saulles
Editorial: Molino
Forma parte dunha colección denominada Esa horrible ciencia, na que a exposición dos contidos basease nun marcado sentido do humor e as anécdotas e curiosidades son abundantes.
Este libro trata dos aspectos máis divertidos e fascinantes da química, dos aspectos que máis nos interesan aos non expertos, coma as asquerosas mezclas verdes e burbullantes, as pocións repugnantes e ás veces tóxicas, os tubos de ensaio, os olores apestosos, as explosións e detonacións, e os descubrimentos inxeniosos.

20/9/10

Características dos lectores de libros electrónicos

Xa dixemos que un ebook pode lerse en calquera dispositivo que teña memoria e pantalla.
Imos agora centrarnos nas características dos ebook reader, que teñen como función específica a lectura de libros electrónicos:
  • Son dispositivos móbiles con baixo consumo de enerxía para permitir lecturas prolongadas sen necesidade de recargas.
  • Teñen pantallas con dimensións suficientes para mostrar documentos tradicionais.
  • Dispoñen dunha tecnoloxía denominada tinta electrónica, na que se simula a lectura sobre o papel debido á ausencia de iluminación propia e ao alto contraste obtido (non emana luz e non xera reflexos). Non necesita alimentación máis que nos cambios de pantalla, de aí o seu baixo consumo de enerxía.
  • As pantallas de tinta electrónica non teñen retroiluminación, polo tanto non se poden ler sen unha adecuada iluminación.
  • A escala de grises que manexan oscila entre 4 e 16 niveles de gris.
  • Un lector de eBook pode almacenar centenares de títulos literarios e científicos.
  • Pódese cambiar o tipo e tamaño da fonte, agrandala ata poder ler correctamente, tomar notas e logo borralas.
  • A maioría de lectores posúe a función text-to-speech, que permite que lea en voz alta.

15/9/10

Contos por palabras


“É verdade que sigo sendo o propietario dunha empresa de limpeza, pero debo engadir que agora é a máis poderosa da cidade. A que limpa as cristaleiras máis altas. A que se atreve coas encargas máis arriscadas. A que conta con oitenta empregados en nómina. Aínda que mellor sería dicir que conto con setenta e nove máis un. Porque eu ben sei que se non fose polo meu empregado-estrela, as cousas habían ser moi diferentes.
Lembro ben o día en que chegou ó meu despacho. Era un venres pola mañá, e pedírame por teléfono unha entrevista, respondendo o anuncio por palabras que eu puxera nos xornais. Estaba tomando un café con leite ben quentiño, pois era tempo de inverno, cando alguén petou na porta e, sen darme nin tempo a reaccionar, atopeime con aquel home diante de min, vestido cun estraño traxe vermello e azul que se lle pegaba o corpo e o cubría dos pés á cabeza.”


Quen credes que será o empregado-estrela desta empresa de limpeza?
Se desexades coñecer a historia completa podedes ler o libro
:

Contos por palabras

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Miguel Vigo ou Enjamio (segundo a edición)
Editorial: Xerais ou Biblioteca Galega 120 de La voz de Galicia


Está composto por relatos curtos nos que o autor imaxina historias de xente corrente a partir da lectura dos anuncios por palabras que aparecen nos xornais.
Os textos oscilan entre o elemento marabilloso (como no caso do dono dunha axencia de contactos empeñado en atoparlle parella a un unicornio azul) e o realismo (unha nai está obsesionada por converter á súa filla en nena-anuncio), polo que non sorprende que nunha funeraria contraten a Drácula e nunha empresa de limpeza traballe eficazmente ...

7/9/10

Outra forma de ler: ebooks

Un libro dixital ou ebook é a versión electrónica dun libro. Son varios os formatos nos que se poden presentar: PDF, EPUB, MOBI, PRC, FB2, HTML, TXT, LRF, ...
Diversos dispositivos poden utilizarse para lelos: un PC, unha PDA, un portátil, un teléfono móbil, en xeral, calquera que teña memoria e pantalla.
Dende hai uns anos entraron no mercado uns dispositivos específicos para ler libros electrónicos ou ebooks, chamados lectores de libros electrónicos, ebook reader ou, simplemente, ebook. Este tipo de elementos caracterízase por ofrecer unha pantalla de considerables dimensións e cunha tecnoloxía denominada tinta electrónica que permite a lectura de igual forma que se logra utilizando como soporte o papel. Son dispositivos que consumen pouca enerxía e son facilmente transportables. Algúns á lectura de libros engaden outras posiblidades como uso de dicionarios, busca nos libros, escritura de notas, suliñado.

En posteriores entradas iremos vendo máis polo miúdo as características deste mundo da lectura electrónica.

31/8/10

Comeza un novo curso

Estreamos un mes de setembro rebosante de sentimentos encontrados: apenados por deixar a placidez das vacacións ao mesmo tempo que nos sentimos nerviosos e expectantes ante o comezo dun novo curso, ímonos facendo á idea de dicir adeus ao calor e ao soliño para recibir un outono cambiante e un tanto alocado, aínda podemos ler algún libro á refrescante sombra dunha árbore e imos preparándonos para as lecturas no calorciño da casa.
Unha boa maneira de ir introducíndonos no curso e unha lectura sobre unha escola, unha escola moi particular:


Título: A escola dos piratas
Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Luis Filella
Editorial: Rodeira

Levaba chovendo sen parar desde principios de curso. Aquel día, no colexio da parte alta da cidade, Marta e os seus compañeiros de curso tampouco puideron saír ao recreo pola chuvia. Estaban na aula cando de repente todo se empezou a mover: o floreiro, os cadernos, ...
A escola comezou a esvarar pola aba do outeiro, lentamente, ata deterse no medio do río, que medrara e batía con forza contra as ventás. Entón…

20/8/10

MARIMANTA entrevista a VÍCTOR RIVAS

MARIMANTA: Nome?

Víctor Rivas:Víctor Rivas

M: Profesión?

V.R.:Ilustrador, Autor de comics, Deseñador gráfico

M: Anos adicados a esta tolemia?

V.R.:máis de 20

M: Motivos?

V.R.:Para min o debuxo é unha extensión do mundo, cando creo síntome como unha fiestra que se abre a outro universo e eu teño que estar ahí para que sega aberta

M: “Víctor Rivas é o debuxante máis rápido que existe”. Certo?

V.R.:É relativo, o que pasa é que cando me poño levo traballando na idea mentalmente hasta que sae e tamén unha certa habilidade colles cos anos.

M: Autores de banda deseñada preferidos?

V.R.:Ives Chaland, Robert Crumb, Bruce Timm, Trondheim, Sfar, Emile Bravo, Cristophe Blaim ...

M: Consellos para os que din que a banda deseñada é cousa de nenos ou de frikies?

V.R.:Ir berrando ó campo de fútbol todos ca mesma camisola... iso si é ser friki!

O comic é un medio de contar historias, e como en todo hai comics para frikis e comics para os que non o son, como no cine, no teatro, na literatura... penso que hai máis literatura friki que comics... Para nenos é un 30 ou 40% do que hai nunha libreiría especializada

M: Quen é realmente Harry Pórrez?

V.R.:Un apampanado metido a mago, sempre que o debuxo acaba facendo das súas, é el quen move a miña man... maxia, supoño.

M: Próximos proxectos confesables?

V.R.:Un conto con debuxo gótico ilustrado por min e texto de Francisco Naranjo, e algunhas ilustracións para o mercado internacional.

M: Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!

V.R.: A vós.