21/11/10

Marimanta entrevista a Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba (Lugo) no ano 1947.
Perito Industrial Mecánico, Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación, exerceu como profesor de EXB en diferentes centros e como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2, de Vigo, ata a súa prexubilación, no ano 2008.
É autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil: A cidade dos desexos; Contos por palabras; As tundas do corredor; Trece anos de Branca; Cartas de inverno; Amor dos quince anos, Marilyn; Avenida do Parque, 17; No corazón do bosque; Un tren cargado de misterios; O meu nome é Skywalker; A escola dos piratas ; Fantasmas no corredor; Corredores de sombra; Querido inimigo; O único que queda é o amor; entre outras.

Ao longo da súa carreira recibiu varios premios: Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, O Barco de Vapor, Protagonista Jove, Edebé Infantil, Ourense de Banda Deseñada. No ano 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil.
Nestes días acaba de rexeitar o Premio da Cultura Galega das Letras a través dun escrito no que manifesta: “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”.

Esta é a entrevista que concedeu ao noso colectivo:

Marimanta: Profesións?
Agustín:
A miña profesión principal foi a de ensinante, máis que a de escritor. Dei clase en todos os niveis da antiga EXB, da ESO e do Bacharelato. Antes, traballei durante un tempo na miña profesión primeira, a de perito industrial. Na actualidade estou xubilado. Desde hai varios anos, a escritura é a miña ocupación exclusiva.

M: Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Agustín: Levo escribindo “en serio” (ou sexa, pensando en publicar) uns vinte e cinco anos. Toda unha vida, en calquera caso. Non sei se sabería xa pasar sen escribir.

M: Como se che ocorreu adicarte a isto?
Agustín: Non foi algo que se me ocorrera, sen máis. A min apaixóname ler, desde sempre, e creo que ten a súa lóxica que nun momento da vida decidise pasar “ao outro lado do espello” e ensaiar a creación das miñas propias historias. Ao primeiro era unha especie de hobby, mais, co paso dos anos, acabou converténdose nunha actividade imprescindible para min.

M: Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Agustín: Non me saen con rapidez, supoño que para iso tería que ser moito mellor do que son. Cada libro leva tempo, moito, e traballo. Tanto se o texto é duns poucos folios como se é de douscentos. A escrita do borrador pode ser relativamente rápida, mais logo hai que dedicar un tempo amplo a lle dar forma a ese borrador. Con todo, eu non diría que me custa sacar os libros adiante: simplemente, que precisan de moitas horas de traballo.

M: Como aparecen as ideas para as historias?
Agustín:
Eu sempre digo que se escribe cos fíos da vida. A vida é o único que temos a man os escritores para construír as nosas historias. O punto de partida, o que podemos chamar a idea, pode xurdir en calquera momento e de calquera cousa. Non é complicado ter ideas, que moitas veces veñen soas e outras, pode axudárselles con preguntas do tipo “Que pasaría se…?”. Ter ideas non é o problema; o problema é darlles forma e desenvolvelas a través dunha historia que atrape o lector e que me satisfaga a min.

M: Autores de literatura preferidos?
Agustín: Moitos, non caberían en varios folios. Por sorte, na literatura non hai unha escala de autores. Así, de súpeto, cito algúns nomes entre os moitos que podería lembrar: Verne, Rosalía de Castro, Stevenson, Ferrín, Paul Auster, Blanco Amor, Lovecraft, Kafka, Roald Dahl, Murakami…

M: Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil só son para nenos e adolescentes?
Agustín: Se son boas, nunca poden estar restrinxidas a nenos e adolescentes. Un bo libro interpela a calquera lector. O que caracteriza a LIX é precisamente dirixirse tamén a lectores en formación; pero iso nunca pode excluír os lectores que xa teñen unha boa competencia lectora.

M: Próximos proxectos confesables?
Agustín:
Os proxectos, en principio, son todos confesables. O meu próximo libro sairá á altura de febreiro ou marzo e chamarase Fantasmas de luz. E, se todo vai ben, aló polo outono tería que aparecer outro chamado Corazón de pedra. Logo ando a traballar noutros dous libros, mais aínda é cedo para falar deles.

M: Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!
Agustín:
Grazas a vós. Merecédelas, e moito, todas as persoas que axudades a espallar os libros e espertar o interese pola lectura.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Parabéns para Agustín e Marimanta. Persoas coherentes creo que non hai moitas, pero el non nos defraudou.
Luz