29/11/10

Os soños na gaiola

O meu burriño
¡Arre, corre,
meu burro trotón,
meu burriño manso,
meu burriño bon!

-¡Corre meu burriño;
non galopes, voa!
¡A ver se lle gañas
ó vento que zoa!

-¡Arre, meu burriño,
que es un preguiceiro!
¡A ver se lle gañas
ó vento lixeiro…!

-¡Corre, meu burriño,
nos cascos pon ás!
¡Se queres, o vento
deixarás atrás…!

-¡Arre, meu burriño!
¡Corre máis deprisa!
¡Que se perde o vento
xa verás que risa…!

Poema extraído do libro Os soños na gaiola, de Manuel María.
(Se queres escoitalo cantado por Suso Vaamonde, preme aquí, seguro que che gustará.)

Autor: Manuel María

Ilustrador: Xaquín Marín

Editorial: Xerais

Este libro está constituido por medio cento de poemas nos que o autor percorre o mundo infantil galego con estructuras sinxelas e rítmicas. Os temas que trata van dende Galicia e o mundo ata os animais e as persoas, pasando polas cousas máis cercanas a nós.
A unión dos dous xeniais creadores galegos: o poeta Manuel María e o debuxante Xaquín Marín fan deste libro unha pequena xoia da que deberian disfrutar todos os nosos nenos e nenas.
Moitos destes poemas foron cantados por Suso Vaamonde e recollidos nun disco titulado coma o libro: Os soños na gaiola.
(Se queres escoitar algunha das cancións preme aquí)

21/11/10

Marimanta entrevista a Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba (Lugo) no ano 1947.
Perito Industrial Mecánico, Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación, exerceu como profesor de EXB en diferentes centros e como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2, de Vigo, ata a súa prexubilación, no ano 2008.
É autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil: A cidade dos desexos; Contos por palabras; As tundas do corredor; Trece anos de Branca; Cartas de inverno; Amor dos quince anos, Marilyn; Avenida do Parque, 17; No corazón do bosque; Un tren cargado de misterios; O meu nome é Skywalker; A escola dos piratas ; Fantasmas no corredor; Corredores de sombra; Querido inimigo; O único que queda é o amor; entre outras.

Ao longo da súa carreira recibiu varios premios: Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, O Barco de Vapor, Protagonista Jove, Edebé Infantil, Ourense de Banda Deseñada. No ano 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil.
Nestes días acaba de rexeitar o Premio da Cultura Galega das Letras a través dun escrito no que manifesta: “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”.

Esta é a entrevista que concedeu ao noso colectivo:

Marimanta: Profesións?
Agustín:
A miña profesión principal foi a de ensinante, máis que a de escritor. Dei clase en todos os niveis da antiga EXB, da ESO e do Bacharelato. Antes, traballei durante un tempo na miña profesión primeira, a de perito industrial. Na actualidade estou xubilado. Desde hai varios anos, a escritura é a miña ocupación exclusiva.

M: Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Agustín: Levo escribindo “en serio” (ou sexa, pensando en publicar) uns vinte e cinco anos. Toda unha vida, en calquera caso. Non sei se sabería xa pasar sen escribir.

M: Como se che ocorreu adicarte a isto?
Agustín: Non foi algo que se me ocorrera, sen máis. A min apaixóname ler, desde sempre, e creo que ten a súa lóxica que nun momento da vida decidise pasar “ao outro lado do espello” e ensaiar a creación das miñas propias historias. Ao primeiro era unha especie de hobby, mais, co paso dos anos, acabou converténdose nunha actividade imprescindible para min.

M: Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Agustín: Non me saen con rapidez, supoño que para iso tería que ser moito mellor do que son. Cada libro leva tempo, moito, e traballo. Tanto se o texto é duns poucos folios como se é de douscentos. A escrita do borrador pode ser relativamente rápida, mais logo hai que dedicar un tempo amplo a lle dar forma a ese borrador. Con todo, eu non diría que me custa sacar os libros adiante: simplemente, que precisan de moitas horas de traballo.

M: Como aparecen as ideas para as historias?
Agustín:
Eu sempre digo que se escribe cos fíos da vida. A vida é o único que temos a man os escritores para construír as nosas historias. O punto de partida, o que podemos chamar a idea, pode xurdir en calquera momento e de calquera cousa. Non é complicado ter ideas, que moitas veces veñen soas e outras, pode axudárselles con preguntas do tipo “Que pasaría se…?”. Ter ideas non é o problema; o problema é darlles forma e desenvolvelas a través dunha historia que atrape o lector e que me satisfaga a min.

M: Autores de literatura preferidos?
Agustín: Moitos, non caberían en varios folios. Por sorte, na literatura non hai unha escala de autores. Así, de súpeto, cito algúns nomes entre os moitos que podería lembrar: Verne, Rosalía de Castro, Stevenson, Ferrín, Paul Auster, Blanco Amor, Lovecraft, Kafka, Roald Dahl, Murakami…

M: Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil só son para nenos e adolescentes?
Agustín: Se son boas, nunca poden estar restrinxidas a nenos e adolescentes. Un bo libro interpela a calquera lector. O que caracteriza a LIX é precisamente dirixirse tamén a lectores en formación; pero iso nunca pode excluír os lectores que xa teñen unha boa competencia lectora.

M: Próximos proxectos confesables?
Agustín:
Os proxectos, en principio, son todos confesables. O meu próximo libro sairá á altura de febreiro ou marzo e chamarase Fantasmas de luz. E, se todo vai ben, aló polo outono tería que aparecer outro chamado Corazón de pedra. Logo ando a traballar noutros dous libros, mais aínda é cedo para falar deles.

M: Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!
Agustín:
Grazas a vós. Merecédelas, e moito, todas as persoas que axudades a espallar os libros e espertar o interese pola lectura.

19/11/10

Bat Pat en Donín


O próximo día 26 de novembro, ás 18 h, o famoso detective Bat Pat visitará a librería Donín de Betanzos.

Bat Pat é un morcego escritor e detective que un día deixou o seu húmido fogar do cemiterio para instalarse no faiado dos Silver. A partir dese momento non deixou de vivir experiencias arrepiantes cos tres fillos da familia: Rebecca, Martin e Leo.

A colección de libros que narra as aventuras protagonizadas por este personaxe é obra de Roberto Pavanello e estase convertindo nunha das lecturas favoritas de nenos e nenas de 7 a 11 anos.

Se queres coñecer algo máis sobre Bat Pat podes consultar a páxina oficial.

14/11/10

Outra forma de ler: o alfabeto braille

O braille é un sistema de lectura e escritura táctil pensado para persoas cegas. Non é un idioma, senón un alfabeto. Co braille poden representarse as letras, os signos de puntuación, os números, a grafía científica, os símbolos matemáticos, a música, etc. Existen adaptacións para cada idioma.
Adoita consistir en celas de seis puntos en relevo, organizados en tres filas e dúas columnas, que convencionalmente se numeran de arriba a abaixo e de esquerda a dereita. Ao arranxar os puntos en varias combinacións, pódense formar 64 patróns diferentes. Lese movendo a man de esquerda a dereita, pasando os dedos por cada liña.
Foi ideado por Luís Braille (1809-1852), nacido en Coupvray, Francia.
Estudou no Instituto Nacional de mozos cegos de París debido a que quedara cego aos tres anos. Era un estudante que posuía dotes para a ciencia e a música e tocaba o órgano e o violoncelo.
Cando tiña 13 anos, o director da escola pediulle que probase un sistema de lecto-escritura táctil inventado por un militar chamado Charles Barbier para transmitir ordes sen ter necesidade de delatar a posición durante as noites. Louis Braille descubriu ao cabo dun tempo que o sistema era válido e reinventouno utilizando un sistema de 8 puntos. Ao cabo duns anos simplificouno deixándoo no sistema universalmente coñecido e adoptado de 6 puntos.

6/11/10

Outra lenda da "Cova da Serpe"

No monte "Cova da Serpe" vivía unha enorme cobra que tiña cheos de medo ós veciños de Miraz, pois sempre baixaba beber nunha fonte cerca da Torre que aínda se coñece polo nome de "Pozo da Serpe". A xente decidiu un día acabar con tal monstro e para iso argallaron de darlle de comer un burro enzoufado en alcatrán. A Serpe comeu o burro e morreu de contado. Aínda na cima do monte existe a cova onde vivía o animal, de aí o nome que leva.

Lenda recollida do libro Lendas galegas de tradición oral, de X.M. González Reboredo, da editorial Galaxia.

1/11/10

El diablo de los números

“–Ven aquí –dijo el anciano a Robert–, voy a contarte una cosa.
Robert se inclinó hacia él, tan cerca que el bigote del anciano le hizo cosquillas en el oído, y el diablo de los números le susurró un secreto:
–Tienes que saber que existen números, absolutamente normales, que se pueden dividir; y luego están los otros, aquellos con los que eso no funciona. Yo los prefiero. ¿ Y sabes por qué? Porque son números de primera. Los matemáticos llevan mil años rompiéndose la cabeza con ellos. Son unos números maravillosos. Por ejemplo el once, el trece o el diecisiete.
Robert se sorprendió, porque de repente el diablo de los números parecía extasiado, como si estuviera disolviendo en la boca una golosina.
–Y ahora por favor, dime, querido Robert: ¿cuáles son los dos primeros números de primera?
–Cero –dijo Robert para enfadarle.
–¡El cero está prohibido! –gritó el anciano, volviendo a esgrimir su bastón.”


Este texto está extraído do libro:

El diablo de los números.

Autor: Hans Magnus Enzensberger

Ilustración: Rotraut Susanne Berner

Editorial: Siruela


O argumento xira ao redor dun neno chamado Robert que odia as matemáticas xa que o seu profesor fai as clases tediosas e pouco entendibles. Unha noite ten un soño especial no que coñece un pequeno demonio chamado Teplotaxl quen lle explica datos curiosos sobre os números e o fácil e divertido que pode ser traballar con eles cando os aprendes dun xeito adecuado.

Libro recomendado para todos aqueles que temen as Matemáticas con idades comprendidas entre os 8 e os 88 anos.