30/8/11

Marimanta entrevista a Xabier Puente Docampo

Naceu o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos sete meses a familia trasladouse a Castro de Ribeiras de Lea, onde foi por primeira vez á escola. No comezo da adolescencia fóronse vivir á Coruña onde estudou o bacharelato e maxisterio.
Traballou como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa.
Sempre estivo relacionado cos movementos de renovación pedagóxica, escribiu libros de texto para a escola e textos didácticos e pedagóxicos, fixo actividades de narración oral e deu cursos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra.
Participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertenceu durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.
Recibiu diversos premios: Premio "Feira do Libro de A Coruña, 1989", polo conxunto da obra narrativa; Premio "Emilia Pardo Bazán" do Ministerio de Educación; Premio "Rañolas 1994" á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia; "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995"; "Honourl List IBBY 1996"; "The White Ravens 1997" de la Jugendbibliothek de Munich; Premio "Lecturas" da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) de 2004; "The White Ravens 2005" da Jugendbibliotethet de Munich.
É autor, entre outras, das obras: A casa da luz, A nena de auga e o príncipe de lume, Cando petan na porta pola noite, Cun ollo aberto e outro sen cerrar, ¡Estampado!, Historias para calquera lugar, Nube de neve, O armario novo de Rubén, O home que inventou unha maneira de andar, O misterio das badaladas, O Pazo Baleiro, Os ollos de Ramón, Un conto de tres noites, Imos xuntos camiñar.

Isto é o que contestou ás nosas preguntas:

Nome?
Xabier P. DoCampo
Profesións?
Fun mestre durante corenta anos, agora estou xubilado e a miña profesión ficou reducida á de escritor.
Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Escribo desde moi neno (11/12 anos), sempre me gustou. Hai xa 25 anos que publiquei o meu primeiro libro de LIX.
Como se che ocorreu adicarte a isto?
Hai dúas razóns, ou máis ben dúas causas. Fun criado nunha casa na que o feito de narrar estaba sempre presente. Todas as noites se contaban historias e iso fixo que me afeccionase á narración. A outra é que desde moi neno me gustou ler, e lin toda miña vida moito e sigo a ler.
Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Artellar o argumento dunha historia non leva nada, pero desenvolver a creación completa, escribila, iso si que me leva bastante tempo. No caso das novelas ou dos libros de contos, lévame anos.
Como aparecen as ideas para as historias?
Como dixen antes os argumentos preséntanseme seguido e non me custa inventalos, pero a literatura faise na linguaxe e iso xa non é tan doado nin tan rápido é cousa de traballo e tempo.
Autores de literatura preferidos?
Álvaro Cunqueiro, Robert Louis Stevenson, Chejov, William Faulkner, Lewis Carroll, J. M. Barrie, Juan Farias...
Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil só son para nenos e adolescentes?
Eu trato de escribir para todas as persoas, teñan a idade que teñan, sexan do sexo que sexan e coman o que coman. Se non o fixese así deixaría este oficio. Agora ben, poño moito interese en que o que eu escribo poida ser comprendido e que lle poida interesar e gustar tamén aos máis novos.
Próximos proxectos confesables?
Traballo coma un tolo nunha novela que comecei hai nove anos e que quero rematar para marzo ou abril. Aínda non ten título, por tanto nada máis podo dicir dela.
Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!

15/8/11

O neno que tiña medo dos robots/ O robot que tiña medo dos nenos


Autor
Miguel Vázquez Freire


Ilustrador
Xosé Tomás


Editorial
Rodeira - Edebé


Álbum publicado con dous comezos diferentes e un final común nas páxinas centrais do libro.
Dous protagonistas distintos aos que lles ocorre o mesmo: Luis, un neno humano e AX-B10, un robot de última xeración.
O día comeza igual para os dous, o despertador, o almorzo, … e a advertencia dos pais de que teñan coidado cos coches da rúa, de que crucen cos semáforos en verde; e o máis importante:
Luis debe evitar aos nenos robots, os maiores enemigos dos nenos humanos!
AX-B10 debe evitar aos nenos humanos, os maiores enemigos dos nenos robots!
Camiño da escola, con tanta xente e tantos coches Luis non pode evitar verse empuxado cara ao robot. AX-B10 empuxado pola multitude, non pode evitar o peligroso encontro co neno.
Que pode pasar agora?

Trátase de analizar o medo ao diferente, o temor ao descoñecido e poñer a imaxinación a funcionar porque o final está nas nosas mans.