24/10/10

Peter Pan

Neste ano, 2010, cúmprense 150 anos do nacemento de James Matthew Barrie, pai do coñecido personaxe Peter Pan.
J. M. Barrie naceu en Kirriemuir, Angus (Escocia) no seo dunha acomodada familia victoriana, foi educado na The Glasgow Academy e a Universidade de Edimburgo. Exerceu de xornalista en Nottingham, logo en Londres, e logo pasou a ser novelista e posteriormente autor teatral.
Está enterrado en Kirriemuir xunto aos seus pais, a súa irmá e o seu irmán maior David, quen morrera nun accidente de patinaxe xusto antes do seu décimocuarto aniversario, este suceso condicionou a vida posterior de toda a familia, en especial, a de James, que contaba con seis anos naquel momento.
Peter Pan naceu primeiro como conto en versión oral e o seu autor estivo escribindo moitas versións do mesmo ata o seu propio falecemento. Foi en 1903 cando comezou a ser máis amplamente coñecido. En 1904 transfórmase en obra de teatro representada con grande éxito, e en 1911 convértese en conto, titulado Peter Pan y Wendy, sendo doados todos os dereitos da publicación, ao Hospital Infantil de Londres.
Peter é representado como un neno pequeno que rehúsa medrar e que convive con outros nenos da súa mesma idade, os chamados Nenos Perdidos, no país de Nunca Xamais, unha illa poboada tanto por piratas como por fadas e sereas, onde Peter Pan vive numerosas aventuras fantásticas durante toda a eternidade.
No primeiro conto publicado, Peter invita á nena Wendy Darling ao País de Nunca Xamais para que sexa a nai da súa cuadrilla de "Os nenos perdidos". Os seus irmáns John e Michael tamén a acompañan na súa máxica aventura. Ao longo da historia preséntanse diversas e numerosas anécdotas fabulosas, entre elas cando a fada Campanilla case morre ao inxerir un veleno, e unha confrontación co inimigo directo de Peter, o pirata Capitán Garfio.
Ao final, Wendy decide que o seu verdadeiro espazo para vivir atópase no seu fogar a carón dos seus pais e por iso leva aos seus irmáns de regreso a Londres, mentres que Peter Pan queda en Nunca Xamais, prometendo á súa compañeira de xogos volver repetidamente a visitala.
Nestes máis de cen anos de existencia Peter Pan foi adaptado ao cine (Disney 1953, 2002; Steven Spielberg, 1991; P. J. Hogan, 2003), converteuse en protagonista de musicais, e sufríu numerosas adaptacións nas que se continuaron as aventuras ficticias de Peter Pan (unhas autorizadas e outras non).
En 2004, para conmemorar os 100 anos da aparición de Peter Pan, o Great Ormond Street Hospital (que posúe os dereitos da obra de J. M. Barrie) convocou a narradores interesados en escribir a secuela oficial da historia. A gañadora foi Geraldine McCaughrean, con Peter Pan de Rojo Escarlata, libro que saíu á venda, a nivel mundial, o 5 de outubro de 2006, en 37 idiomas distintos.
Como sucede con outros, tamén este personaxe literario deu nome a un trastorno médico: A síndrome de Peter Pan converteuse nun termo psiquiátrico utilizado para describir a un adulto que ten medo das obrigas e compromisos e que se nega a actuar de acordo á súa idade.

No hay comentarios: