“Debe ser boa cousa chegar a grande. Os grandes son donos de si e do mundo. Fan e desfán, gobernan, arman ó merlo con guerras, negocios e canta trangallada hai. Pero, como di a madriña, «non sempre é ouro o que reloce». Os grandes teñen as súas tristuras e desacougos. E ás veces inda nos gañan en rapazadas. De non ser así non se encabuxarían cando lles sinalamos algo que está mal.
Se pelexamos entre nós, métense eles. Non se decatan de que as nosas liortas son namais que enredos. Rabuñámonos agora e daquí a un chisco estamos amigos outra vez.”
Así comeza o capítulo adicado aos grandes.
Memorias dun neno labrego foi publicado por primeira vez en xaneiro de 1961 en Bos Aires (Arxentina), onde vivía naquel momento o seu autor, Xosé Neira Vilas, nado en Gres, Vila de Cruces (Pontevedra), en 1928.
A editorial encargada desta labor foi Follas Novas, fundada catro anos antes por Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda.
En Galicia publicouse por primeira vez en maio de 1968 por iniciativa de Edicións O Castro.
Existen tamén edicións en castelán, portugués, alemán, catalán, euskera, ruso, italiano, checo, inglés, francés.
O autor conta desde a óptica de Balbino a vida dun neno mergullado nunha aldea do interior de Galicia nos anos 20-30 do pasado século. Balbino é un neno labrego, ten unha familia moi pobre que traballa as terras do señor, pensa moito no mundo e reflexa a súa vida nunha especie de diario.
É este un texto clásico da literatura infantil e xuvenil que constituiu un fito na literatura galega debido ao seu éxito e impacto popular. Aínda que a vida nas nosas aldeas non sexan hoxe como a que nos conta Balbino, a lectura desta obra segue sendo unha fermosa maneira de coñecer o noso pasado recente.
1 comentario:
Foi un libro de cabeceira para min, a persares de costarme un suspenso por ter discutido o punto de vista dun mestre sobre el ( non lembro nin a miña postura nin a súa) pero a súa dona (miña irmá) rematou por reconquistalo. Cecais sexa bo intre para mercalo de novo. Apertas
Publicar un comentario