31/12/08

Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra

Aínda queda tempo: terá lugar entre o 1 e o 7 de febreiro de 2009. Pero na súa páxina web pódense ver xa avances, actividades, e parte do programa. Resúltanos especialmente interesante a recomendación de libros que fan na rede: clasificados por idades, pero todos eles seguindo unha temática común, a temática do Salón deste ano, HISTORIAS DE AMOR. Se a alguén lle apetece regalar nestas datas de regalos un libro a unha nena ou un neno, facendo click aquí terá onde escoller arreo.

28/12/08

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA

O colectivo Marimanta, que vén de rematar os obradoiros de Banda Deseñada, desexa seguir coa súa liña formativa para lectores, organizando para o mes de xaneiro un OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA. Este será impartido polo escritor e editor (da editorial Galaxia) Francisco Castro, con gran experiencia na formación de rapaces e adultos nas técnicas da escritura creativa. O curso está dirixido a rapazas e rapaces de entre 10 e 12 anos de idade, e terá un límite de 15 asistentes (por rigorosa orde de matrícula). Terá lugar en dous sábados, o 17 e o 24 de xaneiro, con dúas horas de duración cada un dos días (sábado 17 - de 11:30 a 13:30h; sábado 24 - de 11:00 a 13:00h.), no Salón Azul do Edificio Liceo.
O prezo para os asistentes é de 20 euros, e o lugar para apuntarse será na Biblioteca Municipal. O prazo de matrícula será do 8 ao 15 de xaneiro, ambos incluídos.

EXPOSICIÓN - "GALICIA SOLIDARIEDADE"

Marimanta organizará, con motivo da celebración do Día da Paz (30 de xaneiro), unha exposición titulada "Galicia Solidariedade", en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), que mostra a obra de escritores e ilustradores galegos en torno a este tema. A exposición será presentada o sábado 17 de xaneiro no Edificio Liceo ás 11:00h. a cargo do escritor e editor Francisco Castro, e poderá visitarse até o día 31 de xaneiro. Dita exposición contará con material didáctico para que o profesorado dos centros poidan utilizalo nas súas visitas con escolares. Se alguén quere visitar a exposición dende estas liñas, e de maneira virtual, pode facelo facendo click aquí mesmo.

CLUB DE LECTORES DE BANDA DESEÑADA

Dado que os obradoiros de Banda Deseñada tiveron resultados positivos, decidiuse dende o colectivo, e a petición dos asistentes ao curso, constituír un CLUB DE LECTORES de cómic (ou banda deseñada), que terá unha frecuencia mensual, e serán coordinadas polo ilustrador e profesor Xosé Tomás. Estará dirixido a rapaces de entre 10 e 14 anos, e a primeira reunión terá lugar o sábado 31 de xaneiro. Os asistentes recibirán información máis detallada (lugar, hora) a través dos seus centros de ensino.

21/12/08

MÁIS MOMENTOS DO OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA

O obradoiro de banda deseñada deixou bos momentos: nesta última sesión estabamos aprendendo a crear un personaxe, cunha serie de trucos doados, pero que nos permiten dar con centos de combinacións.

14/12/08

REMATAMOS O OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA E INICIO DO CLUB DE LECTURA

Despois de tres sábados e das súas respectivas sesións, rematouse o obradoiro de Banda Deseñada impartido por Xosé Tomás. Nesta última sesión traballouse máis a fondo con nocións como a montaxe de páxina ou a creación dos personaxes (tanto de maneira física como psicolóxica). E cando chegou a hora de rematar, as rapazas e rapaces déronse conta de que hai moito, motísimo por saber desa arte. Así que, a proposta de Marimanta, constituiremos un club de lectura de banda deseñada, con unha preiodicidade mensual.
Na práctica consistirá en que rapaces de entre 10 e 12 anos (as mesmas idades que para o obradoiro) se xuntarán unha vez ao mes para falar dunha obra en banda deseñada que previamente se elixiu. Durante ese mes (tempo abondo) os lectores, nas súas casas, len a obra, analízana, e incluso toman notas do máis destacado. Despois, na xuntanza (á que asistirá Xosé Tomás, en calidade de moderador), poñeranse en común as impresións. E, quen sabe, se todo funciona ben, quizasi algún día podemos invitar aos encontros a algún outro debuxante, que por esta zona abundan.
En canto todo estea organizado, comunicaremos as datas dos encontros, os horarios e o lugar. Esperemos que teña tanto éxito como o obradoiro!!


11/12/08

A BIBLIOTECA QUE QUEREMOS

Non podemos ocultar en Marimanta que temos un desexo oculto, inconfesable, e moi pouco poético: queremos unha biblioteca. Si, queremos unha biblioteca, pero para nenos.

E non é o mesmo dicir "biblioteca" que "biblioteca para nenos". Porque cando hai nenos de por medio, entra en xogo a pedagoxía, queiramos ou non, porque todo ensina (ben ou mal).

Betanzos xa ten unha biblioteca, pero non é unha biblioteca infantil. Por que? Porque non está pensada para nenos. Porque se un neno pequeno entra e, pobriño de el, fala ou fai un chío, os universitarios cómeno coas olladas.

Do mesmo modo que un hospital se deseña para os doentes, unha biblioteca ha de estar deseñada para os usuarios, os lectores.
E a nosa biblioteca pública non está pensada para nenos.

Queremos unha "biblioteca para nenos", que teña, como as boas bibliotecas para nenos, espazos ben pensados.

Non queremos un almacén de libros con andeis. Diso xa hai no Corte Inglés, nas grandes plataformas, e incluso nas trastendas de moitas librerías. Queremos unha biblioteca na que os espazos, as actividades, o persoal, o ambiente e mesmo a luz estean pensados para os pequenos.

E non estamos afeitos a este tipo de bibliotecas: bibliotecas que cambian de aspecto segundo a época ou a celebración; que ben contan contos ou expoñen cadros; que posúen salas anexas para realizar obradoiros (de cómic, de prensa, de creación literaria, para charlar informalmente de libros,...); que teña unha cafetería para que poidamos tomar unha Fanta mentres lemos A Cebra Camila co avó ou mamá. Unha biblioteca, en definitiva, viva, cambiante, que evolucione. E se chega a existir, entón viría a segunda parte da historia: hai que buscar magos para traballar alí. Persoas ultrasensibles ante a responsabilidade que conleva ese cargo: estarán impulsando a lectura nos cidadáns do futuro, e iso si é importante para unha sociedade que adoita pecar de superficial.

Iso é o que queremos, un espazo de liberdade para o intelecto e a imaxinación. Un espazo multidisciplinar, que sirva de foco dinamizador para os nosos nenos, que levan anos e anos desfrutando tan só de actuacións puntuais e esporádicas, e que precisan atención continuada.

E por iso imos seguir traballando.

Marimanta.

9/12/08

CORRECIÓN DE ERROS NA PRENSA

Queremos comunicar que no xornal de ACEBE deste mes acabamos de detectar un dato erróneo sobre os obradoiros de BANDA DESEÑADA: os obradoiros REMATAN o sábado día 13 de decembro, e non comezan, co cal non é posible matricularse na biblioteca, como di na nota de prensa.

4/12/08

CAMPAÑA DE ANIMACIÓN LECTORA - EDITORIAL EDEBÉ-RODEIRA

Marimanta fixo posible que a editorial Rodeira-Edebé trouxese para Betanzos unha campaña de promoción da lectura que anda a circular por toda Galicia. Desta volta xente da editorial que se adica a traballar certas lecturas con nenas e nenos virán o día 16 de decembro (no edificio Liceo, pola mañá), e realizarán varios pases, para os nenos dos colexios. As idades dos rapaces veñen determinadas polas obras que eles decidiron traer, que son, en concreto, tres:

de 3 a 5 anos, co título "A vella quenlla perde os dentes"
de 6 a 8 anos con "O neno que tiña medo dos robots/ O robot que tiña medo dos nenos".
de 9 a 12 anos con "A Odisea"


Os propios colexios son quen se encargan de levar ao alumnado, coa colaboración do Concello.

Ademais, dous dos libros escollidos teñen participación de autores betanceiros: o escritor e concelleiro Xabier López López (A vella quenlla perde os dentes) e o ilustrador e profesor Xosé Tomás (O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos).

Esperamos que tanto os actos de animación coma os propios libros (que os nenos levarán para as súas casas) sexan do agrado de todos.

OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA...e máis

Impartiuse xa a segunda sesión do obradoiro de banda deseñada, e parece que as cousas van progresando: adentrámonos na parte máis cinematográfica do cómic, os planos, as secuencias, ...ata fixemos un travelling e o fotografiamos. E ese é o reto que nos marcamos para a seguinte sesión: realizar un travelling de cámara (aínda que no debuxo non haxa unha "cámara" como tal) nunha historia breve dunha páxina.
Quédanos a última sesión, pero depois o curso terá unha prolongación, porque, ademais de expoñer algúns dos traballos realizados, dende Marimanta temos intención de crear un CLUB DE LECTURA DE CÓMIC (ou Banda Deseñada). Iremos informando, pero adiantamos que consistirá en simples xuntanzas periódicas para falar dun medio coma este, tan apaixoante e, en certa medida, descoñecido. Para nenos e nais/pais.

26/11/08

UN BLOG AMIGO

Existe un blog, de alguén tan importante no mundo das nosas letras como Francisco Castro, que fala de Marimanta. E que Francisco Castro fale (e ben) de Marimanta é todo un honor para nós, porque este autor, para quen non o coñeza, é director do Taller Literario Caixanova e do Taller de Poesía Caixanova, e o autor dunha chea de libros, como Amor de cinema, Play-Back A canción do náufrago, Xeografías, Memorial do infortunio, Xeración perdida, Un bosque cheo de faias, Spam e outros. Tamén recibiu premios como o de Xornalismo "Manuel Reimóndez Portela", "O Facho" de poesía, o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves, o Premio Blanco Amor de Novela (2006) e Premio de Novela Manuel García Barros 2007. Hoxe en día é coordenador dos Diálogos Literarios de Mariñán, así como Coordenador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia.

Se queredes visitar o seu blog, podedes facelo aquí.

Graciñas, Fran.

CHARLA DE M. VÁZQUEZ FREIRE

O pasado luns tivemos a sorte de contar coa elocuencia e dotes comunicativas de Miguel Vázquez Freire. Dende Marimanta quixemos que a nosa andaina comezase cun peso pesado como el, que coñece moi ben eidos dispares (e tan interconectados) como os do ensino, a literatura para nenos, e a dinamización cultural. Os alí presentes puidemos ver como estruturou a charla nun decálogo, nunha serie de mandamentos que se poden seguir para acadar o obxectivo de que os nenos e nenas se fagan lectores. E a continuación, de maneira espontánea, estableceuse un debate entre o público e os da mesa, entre o público e o público, entre os da mesa e os da mesa... Queremos agradecer a todos os que superaron a forte choiva daquel día e arrouparon ao conferenciante, e esperamos que fose útil para as nosas vidas cotiás.


A partires deste mes, e de maneira bimensual, contaremos no Xornal de ACEBE cunha columna na que, ben nós mesmos, ben colaboradores aos que acudamos, faremos reflexión sobre nenos, sobre lecturas, e , por suposto, sobre a combinación de ambos. E na seguinte entrega do xornal haberá un artigo noso no que se expoñerán as principais ideas desta charla de Vázquez Freire, para estendela a todos aqueles que non puideron asistir.

24/11/08

PRIMEIRA SESIÓN DOS OBRADOIROS DE BANDA DESEÑADA

Na primeira sesión dos obradoiros de cómic, ou banda deseñada, os rapaces analizaron, xunto con Xosé Tomás, algúns dos códigos básicos do medio: os tipos de viñetas, o significado das súas formas (e incluso da súa disposición na páxina), a consideración do cómic en diferentes países e culturas, a importancia da banda deseñada muda, e o enorme poder evocador das imaxes, en ocasións por riba do texto... A experiencia promete, sobre todo porque os asistentes traían moitas, moitas gañas. E por alí xa se vislumbraba algún (e algunha) futuros artistas!! Esperamos ansiosos a segunda sesión!!

4/11/08

QUEN É MARIMANTA?

O personaxe que dá nome ao noso colectivo é unha sorte de meiga, de bruxa un tanto misteriosa, que sempre anda cun saco no lombo. Que leva nel? Non, libros non. NENOS! Gustounos o simbolismo, porque pode ter moitos significados: leva aos nenos que non len? Leva aos nenos a un mundo fantástico?...O caso é que leva aos nenos. E ela será a nosa cara visible para eles. Ela convidará aos máis pequenos, e se algunha vez a Biblioteca infantil adquire corporeidade, esperamos que teña tamén presenza física nela.

CHARLA PARA NAIS E PAIS

O vindeiro luns 24 de novembro o profesor e escritor de literatura infantil Miguel Vázquez Freire impartirá unha charla-coloquio dirixida principalmente a nais e pais (aínda que calquera adulto está invitado), co título: "A animación lectora nos fogares". Vázquez Freire, que posúe unha longa experiencia non só como escritor para nenos (ademais de ser un experto en pedagoxía e movementos de renovación neste eido), senón como dinamizador cultural, coas súas habituais dotes comunicadores, falaranos da importancia da lectura en familia, das bibliotecas familiares, dos hábitos lectores, e da súa visión do tema como escritor e docente.
O acto terá lugar ás 20:00 horas no Salón Azul do Edificio Liceo.

FLIS-FLI-RIS-FLÁS

Froito das xestións de Marimanta, o 27 de novembro virá a Betanzos a compañía de teatro infantil Matapiollos, coa obra Flis-fli-ris-flás. Da man da editorial Galaxia, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un amplo material de fomento da lectura será entregado aos nenos e nenas asistentes: un libro cunha versión da obra de teatro; un CDRom multimedia con actividades e xogos para traballar a lectura; e un libro para nais e pais con trucos para fomentar o hábito lector nas coasa cos fillos.
A propia editorial púxose en contacto co noso Concello, e os colexios xa acordaron levar ao alumnado do tramo de idade axeitado, posto que a representación terá lugar en horario lectivo.

Esperamos que sexa do agrado de todos.

Obradoiro de Banda Deseñada

A nosa primeira actividade dende Marimanta consiste nun obradoiro de BANDA DESEÑADA (ou cómic). Será impartido polo noso compañeiro XOSÉ TOMÁS, ilustrador e profesor de ensino secundario, no SALÓN AZUL do Edificio Liceo. Repartirase en tres sesións dunha hora de duración cada unha, ás 12:00 horas dos seguintes sábados:

- 22 de novembro
- 29 de novembro
- 13 de decembro

Haberá un límite de prazas (20), e está dirixido a rapaces e rapaxas de entre 10 e 12 anos de idade. A inscrición terá que realizarse na Biblioteca Municipal.

A temática do obradoiro basearase na análise dos principais códigos do cómic (ou Banda Deseñada): os planos e encadres, as viñetas e a montaxe da páxina, recursos e trucos narrativos, os globos e a súa funcionalidade, a creacións de personaxes, a realización dun guión, etc.

Animádevos a apuntar aos vosos fillos e fillas a unha arte irmá do cine e da literatura!!

3/11/08

BENVIDOS, BENVIDAS

É unha enorme ledicia para todos nós botar a andar a nosa iniciativa, MARIMANTA. Máis ca unha iniciativa poderiamos dicir que se trata dun soño albergado por moitos dos que formamos este colectivo: o soño de acercar os nenos aos libros. E non aos libros en si, senón ao mundo da fantasía, da creatividade, do coñecemento do mundo, da tolerancia, e de tantas e tantas cousas que a lectura trae debaixo do brazo. E na nosa intención está chegar a acadar un soño aínda máis material (e igualmente idealista): a creación dunha biblioteca infantil especializada para o noso Concello e os seus arredores. Por iso Marimanta nace cun equipo humano que comece a dar contidos, actividades e experiencias, para que os nosos representantes políticos (os que poidan, os que queiran) poñan todos os medios posibles para que a nosa sociedade se transforme dende abaixo, dende a infancia. E cando iso sexa posible, alí estaremos nós, para colaborar e arrimar o(s) ombro(s).
Neste blog queremos que nenos e nenas, pero dunha maneira especial pais, nais, educadores e adultos en xeral, atopen un espazo de suxestións, consellos, ligazóns, etc. que leven a que as nosas casas sexan un lugar de crecemento cultural.

Seguiremos, pois, en contacto permanente con todos aqueles que desexen participar das nosas actividades, e animámosvos a formar parte deste proxecto que promete, cando menos, diversión.

Unha aperta do colectivo e boas lecturas para todos.