23/5/10



Ao longo deste curso nos colexios da bisbarra desenvolveuse unha actividade titulada RECUPERANDO A MEMORIA.

RECUPERANDO A MEMORIA é unha campaña de animación á lectura para os máis pequenos, que parte da colaboración entre o Concello de Betanzos e o Colectivo Marimanta.
Partindo dunha colección de libros editados pola Fundación “La Caixa” cuxo tema principal é a doenza do Alzheimer, a campaña pretende non só informar aos nenos e nenas sobre esta realidade, senón, e sobre todo, tratar de sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia das relacións interxeracionais.
Máis aló da enfermidade e das súas consecuencias, RECUPERANDO A MEMORIA pretende que os nosos pequenos se acerquen á realidade dos maiores, os coñezan mellor, coñezan os seus pasados e, consecuentemente, os valoren na súa xusta medida. Por este motivo, os libros veñen acompañados dunhas suxestións de traballo ou reflexión, que poden ser adoptados e/ou adaptados polo profesorado, segundo as necesidades de cada curso, cada grupo, e mesmo de cada alumno.
Ademais da realización das fichas que acompañan aos libros poden realizarse actividades como entrevistas, murais, que algún avó vaia ao colexio a contar contos, experiencias, que explique o seu traballo, a actividade á que adica o seu tempo libre, …
Proponse, como actividade final a todo o proceso de lectura, actividades e reflexión, a realización dunha exposición colectiva con obxectos, produtos artesáns, obras de arte, etc. que fosen realizados por avós e avoas do alumnado, ou ben por anciáns achegados.
Todos aqueles que estean interesados nesta actividade poden poñerse en contacto coa biblioteca municipal de Betanzos (981 77 19 46).

No hay comentarios: