22/1/12

Cando os animais falaban

¿POR QUE SE CHAMA CARACOL, O CARACOL?

¿Queredes saber por que lle chaman caracol ó caracol?
Unha vez estaban Xesús Cristo e San Pedro poñéndolle nome a tódolos animais e xa acabaran de poñérllelo a todos agás a un bichiño pequerrecho con cornos que ía arrastrándose moi a modo polo medio dunha horta. San Pedro, ó velo, dixo:
—Xesús, quédanos ese sen nome. ¿Como lle poñemos?
E ponse Xesús a cavilar e di:
—Pois mira, xa está, como vai cara a unha col, ímoslle poñer caracol.
E salta o caracol todo amolado:
—¡Pois menos mal que non ía cara a un allo!


Texto extraído do libro:



Título: Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo

Autores: Xosé Miranda e Antonio Reigosa

Ilustrador: Andrés Meixide

Editorial: Xerais



Este libro trata sobre a orixe de moitos fenómenos naturais e conductas humanas, nun tempo en que os animáis falaban entre eles e cos homes, e había paz e harmonía e todo na terra era benestar.
Son contos tirados da tradición oral galega, que explican, á súa maneira, por qué as cousas son dese xeito e non doutro. Refírense os tempos primitivos, os tempos da creación, cando se decidiu que as cousas fosen como son, que a cobra non tivese patas, de onde saen os sapoconchos, que o sol tivese raios e a lúa cuartos, como se pode saber que día vai facer mañá, por que o Eume ten curvas.

No hay comentarios: