8/5/10

As preferencias dos nosos nenos e nenas

É importante ir identificando os gustos das nenas e os nenos.
Ao principio non é sinxelo porque os nenos pequenos están coñecendo todas as variedades de estilos e propostas literarias que se lles ofrece.
Do mesmo xeito que se pode educar o oído para apreciar a boa música, tamén se pode educar o gusto literario e a apreciación estética que lle permitirá logo identificar as diferencias entre unhas obras e outras.
Pero no traballo de guía de pais e profesores debemos deixar sempre aberta a posibilidade de elección dos nosos nenos e nenas e ofrecerlles aquilo que máis lles atrae.
A algúns gustaranlles os contos de seres fantásticos, as historias sobre mitoloxías, as aventuras, as pezas teatrais, historias referentes ao fútbol, biografías ou a poesía…
O que polo xeral ten unha gran aceptación son as historias onde predomina o humor, ademais, non hai nada mellor para un bo descanso que durmirse logo dunha boas gargalladas.
Aínda tendo en conta a gran variedade de gustos persoais, pódese falar dunhas preferencias xerais segundo a idade dos rapaces.

Dende os dous ata os cinco anos
Gustanlles os libros informativos e con xogos que estimulan a súa curiosidade polo mundo e favorecen a adquisición de vocabulario.
Gozan dos contos centrados nun personaxe fácil de recoñecer e co cal poidan identificarse (mozos, animais); os textos con ritmo e rima (cancións, poemas, disparates, trabalinguas, nanas); as historietas cómicas e, moi especialmente, as ilustracións coloridas.
A linguaxe debe ser sinxela pero poética.

Dos seis aos oito anos
Aparecen os porqués e as preguntas insólitas. Experimentan terrores persoais que necesitan resolver.
Xa desenvolveron o concepto básico da narración e gozan de todo tipo de relatos.
Disfrutan cos contos de animais, de princesas e fadas, as historias familiares e as fantásticas.

A partir dos nove e ata os doce
Encántanlles as novelas de amor, de ciencia ficción, as aventuras de cuadrillas, as historias de detectives e pantasmas. Séntense atraídos polas figuras dos heroes.
A esta idade poden conxugar a realidade e a fantasía en partes iguais.
Unha proposta ampla que lle permita explorar diferentes tipos de xéneros e temáticas resulta decisiva para a formación dun lector autónomo, libre e competente.

1 comentario:

RuAn dijo...

Miña filla de seis meses, soporta estoica como lle leo o libro que (e perdón por a redundancia) eu ando a ler. Cando sexa un chisco maior xa tera tempo de escoller o que quere que lle lea. Saúdos e apertas