26/11/08

UN BLOG AMIGO

Existe un blog, de alguén tan importante no mundo das nosas letras como Francisco Castro, que fala de Marimanta. E que Francisco Castro fale (e ben) de Marimanta é todo un honor para nós, porque este autor, para quen non o coñeza, é director do Taller Literario Caixanova e do Taller de Poesía Caixanova, e o autor dunha chea de libros, como Amor de cinema, Play-Back A canción do náufrago, Xeografías, Memorial do infortunio, Xeración perdida, Un bosque cheo de faias, Spam e outros. Tamén recibiu premios como o de Xornalismo "Manuel Reimóndez Portela", "O Facho" de poesía, o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves, o Premio Blanco Amor de Novela (2006) e Premio de Novela Manuel García Barros 2007. Hoxe en día é coordenador dos Diálogos Literarios de Mariñán, así como Coordenador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia.

Se queredes visitar o seu blog, podedes facelo aquí.

Graciñas, Fran.

CHARLA DE M. VÁZQUEZ FREIRE

O pasado luns tivemos a sorte de contar coa elocuencia e dotes comunicativas de Miguel Vázquez Freire. Dende Marimanta quixemos que a nosa andaina comezase cun peso pesado como el, que coñece moi ben eidos dispares (e tan interconectados) como os do ensino, a literatura para nenos, e a dinamización cultural. Os alí presentes puidemos ver como estruturou a charla nun decálogo, nunha serie de mandamentos que se poden seguir para acadar o obxectivo de que os nenos e nenas se fagan lectores. E a continuación, de maneira espontánea, estableceuse un debate entre o público e os da mesa, entre o público e o público, entre os da mesa e os da mesa... Queremos agradecer a todos os que superaron a forte choiva daquel día e arrouparon ao conferenciante, e esperamos que fose útil para as nosas vidas cotiás.


A partires deste mes, e de maneira bimensual, contaremos no Xornal de ACEBE cunha columna na que, ben nós mesmos, ben colaboradores aos que acudamos, faremos reflexión sobre nenos, sobre lecturas, e , por suposto, sobre a combinación de ambos. E na seguinte entrega do xornal haberá un artigo noso no que se expoñerán as principais ideas desta charla de Vázquez Freire, para estendela a todos aqueles que non puideron asistir.

24/11/08

PRIMEIRA SESIÓN DOS OBRADOIROS DE BANDA DESEÑADA

Na primeira sesión dos obradoiros de cómic, ou banda deseñada, os rapaces analizaron, xunto con Xosé Tomás, algúns dos códigos básicos do medio: os tipos de viñetas, o significado das súas formas (e incluso da súa disposición na páxina), a consideración do cómic en diferentes países e culturas, a importancia da banda deseñada muda, e o enorme poder evocador das imaxes, en ocasións por riba do texto... A experiencia promete, sobre todo porque os asistentes traían moitas, moitas gañas. E por alí xa se vislumbraba algún (e algunha) futuros artistas!! Esperamos ansiosos a segunda sesión!!

4/11/08

QUEN É MARIMANTA?

O personaxe que dá nome ao noso colectivo é unha sorte de meiga, de bruxa un tanto misteriosa, que sempre anda cun saco no lombo. Que leva nel? Non, libros non. NENOS! Gustounos o simbolismo, porque pode ter moitos significados: leva aos nenos que non len? Leva aos nenos a un mundo fantástico?...O caso é que leva aos nenos. E ela será a nosa cara visible para eles. Ela convidará aos máis pequenos, e se algunha vez a Biblioteca infantil adquire corporeidade, esperamos que teña tamén presenza física nela.

CHARLA PARA NAIS E PAIS

O vindeiro luns 24 de novembro o profesor e escritor de literatura infantil Miguel Vázquez Freire impartirá unha charla-coloquio dirixida principalmente a nais e pais (aínda que calquera adulto está invitado), co título: "A animación lectora nos fogares". Vázquez Freire, que posúe unha longa experiencia non só como escritor para nenos (ademais de ser un experto en pedagoxía e movementos de renovación neste eido), senón como dinamizador cultural, coas súas habituais dotes comunicadores, falaranos da importancia da lectura en familia, das bibliotecas familiares, dos hábitos lectores, e da súa visión do tema como escritor e docente.
O acto terá lugar ás 20:00 horas no Salón Azul do Edificio Liceo.

FLIS-FLI-RIS-FLÁS

Froito das xestións de Marimanta, o 27 de novembro virá a Betanzos a compañía de teatro infantil Matapiollos, coa obra Flis-fli-ris-flás. Da man da editorial Galaxia, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un amplo material de fomento da lectura será entregado aos nenos e nenas asistentes: un libro cunha versión da obra de teatro; un CDRom multimedia con actividades e xogos para traballar a lectura; e un libro para nais e pais con trucos para fomentar o hábito lector nas coasa cos fillos.
A propia editorial púxose en contacto co noso Concello, e os colexios xa acordaron levar ao alumnado do tramo de idade axeitado, posto que a representación terá lugar en horario lectivo.

Esperamos que sexa do agrado de todos.

Obradoiro de Banda Deseñada

A nosa primeira actividade dende Marimanta consiste nun obradoiro de BANDA DESEÑADA (ou cómic). Será impartido polo noso compañeiro XOSÉ TOMÁS, ilustrador e profesor de ensino secundario, no SALÓN AZUL do Edificio Liceo. Repartirase en tres sesións dunha hora de duración cada unha, ás 12:00 horas dos seguintes sábados:

- 22 de novembro
- 29 de novembro
- 13 de decembro

Haberá un límite de prazas (20), e está dirixido a rapaces e rapaxas de entre 10 e 12 anos de idade. A inscrición terá que realizarse na Biblioteca Municipal.

A temática do obradoiro basearase na análise dos principais códigos do cómic (ou Banda Deseñada): os planos e encadres, as viñetas e a montaxe da páxina, recursos e trucos narrativos, os globos e a súa funcionalidade, a creacións de personaxes, a realización dun guión, etc.

Animádevos a apuntar aos vosos fillos e fillas a unha arte irmá do cine e da literatura!!

3/11/08

BENVIDOS, BENVIDAS

É unha enorme ledicia para todos nós botar a andar a nosa iniciativa, MARIMANTA. Máis ca unha iniciativa poderiamos dicir que se trata dun soño albergado por moitos dos que formamos este colectivo: o soño de acercar os nenos aos libros. E non aos libros en si, senón ao mundo da fantasía, da creatividade, do coñecemento do mundo, da tolerancia, e de tantas e tantas cousas que a lectura trae debaixo do brazo. E na nosa intención está chegar a acadar un soño aínda máis material (e igualmente idealista): a creación dunha biblioteca infantil especializada para o noso Concello e os seus arredores. Por iso Marimanta nace cun equipo humano que comece a dar contidos, actividades e experiencias, para que os nosos representantes políticos (os que poidan, os que queiran) poñan todos os medios posibles para que a nosa sociedade se transforme dende abaixo, dende a infancia. E cando iso sexa posible, alí estaremos nós, para colaborar e arrimar o(s) ombro(s).
Neste blog queremos que nenos e nenas, pero dunha maneira especial pais, nais, educadores e adultos en xeral, atopen un espazo de suxestións, consellos, ligazóns, etc. que leven a que as nosas casas sexan un lugar de crecemento cultural.

Seguiremos, pois, en contacto permanente con todos aqueles que desexen participar das nosas actividades, e animámosvos a formar parte deste proxecto que promete, cando menos, diversión.

Unha aperta do colectivo e boas lecturas para todos.