31/8/10

Comeza un novo curso

Estreamos un mes de setembro rebosante de sentimentos encontrados: apenados por deixar a placidez das vacacións ao mesmo tempo que nos sentimos nerviosos e expectantes ante o comezo dun novo curso, ímonos facendo á idea de dicir adeus ao calor e ao soliño para recibir un outono cambiante e un tanto alocado, aínda podemos ler algún libro á refrescante sombra dunha árbore e imos preparándonos para as lecturas no calorciño da casa.
Unha boa maneira de ir introducíndonos no curso e unha lectura sobre unha escola, unha escola moi particular:


Título: A escola dos piratas
Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Luis Filella
Editorial: Rodeira

Levaba chovendo sen parar desde principios de curso. Aquel día, no colexio da parte alta da cidade, Marta e os seus compañeiros de curso tampouco puideron saír ao recreo pola chuvia. Estaban na aula cando de repente todo se empezou a mover: o floreiro, os cadernos, ...
A escola comezou a esvarar pola aba do outeiro, lentamente, ata deterse no medio do río, que medrara e batía con forza contra as ventás. Entón…

20/8/10

MARIMANTA entrevista a VÍCTOR RIVAS

MARIMANTA: Nome?

Víctor Rivas:Víctor Rivas

M: Profesión?

V.R.:Ilustrador, Autor de comics, Deseñador gráfico

M: Anos adicados a esta tolemia?

V.R.:máis de 20

M: Motivos?

V.R.:Para min o debuxo é unha extensión do mundo, cando creo síntome como unha fiestra que se abre a outro universo e eu teño que estar ahí para que sega aberta

M: “Víctor Rivas é o debuxante máis rápido que existe”. Certo?

V.R.:É relativo, o que pasa é que cando me poño levo traballando na idea mentalmente hasta que sae e tamén unha certa habilidade colles cos anos.

M: Autores de banda deseñada preferidos?

V.R.:Ives Chaland, Robert Crumb, Bruce Timm, Trondheim, Sfar, Emile Bravo, Cristophe Blaim ...

M: Consellos para os que din que a banda deseñada é cousa de nenos ou de frikies?

V.R.:Ir berrando ó campo de fútbol todos ca mesma camisola... iso si é ser friki!

O comic é un medio de contar historias, e como en todo hai comics para frikis e comics para os que non o son, como no cine, no teatro, na literatura... penso que hai máis literatura friki que comics... Para nenos é un 30 ou 40% do que hai nunha libreiría especializada

M: Quen é realmente Harry Pórrez?

V.R.:Un apampanado metido a mago, sempre que o debuxo acaba facendo das súas, é el quen move a miña man... maxia, supoño.

M: Próximos proxectos confesables?

V.R.:Un conto con debuxo gótico ilustrado por min e texto de Francisco Naranjo, e algunhas ilustracións para o mercado internacional.

M: Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!

V.R.: A vós.

18/8/10

Harry Pórrez y el as en la manga de Condemort


Autores: Vergara, Víctor Rivas, Enrique Carlos
Editorial: El Jueves

Harry Pórrez vive cos seus tíos, que o criaron dende que tiña uns poucos meses, alleo aos extraordinarios poderes que posúe, a pesar de que de vez en cando provoca cos seus involuntarios feitizos algún accidente doméstico. Un día, Rufus Hank, un enorme mago, irrompe no domicilio dos Peláez e revélalle ao rapaz que os seus pais morreron a mans de Condemort, o mago mais escuro e desapiadado do mundo, e que el, Harry Pórrez, é unha lenda por ter escapado con vida do desapiadado ataque do asasino. Harry abandona a súa tranquila vida familiar no chalé dos Peláez, en Garrapinillos, e trasládase ao Colexio Howrats de Maxia, dando comezo a unha grande epopea, baixo a ameaza continua de “Quién tu ya sabes”

Trátase dunha divertida parodia dos coñecidos libros de Harry Potter, cun protagonista, Harry Pórrez, despistado, sen control dos seus poderes e rodeado de estraños profesores e compañeiros de todo tipo, pelexando contra inimigos ridículos e patéticos.

O galego Víctor Rivas, autor xunto con Enrique Carlos da parte gráfica desta obra, é ilustrador e autor de cómics. Ilustra libros principalmente para o mercado americano, colabora en revistas e editoriais de toda España, ademais de levar a cabo os seus proxectos persoais no mundo do cómic. É o autor das ilustracións da edición nº 14 do libro de Fina Casalderrey Dúas bágoas por Máquina.

13/8/10

O incrible neno devorador de libros

Continuando o paseo pola Feira do libro atopamos outro exemplar curioso, este chama a nosa atención pola encadernación e polo título:



O autor do texto e das ilustracións é Oliver Jeffers, traducido ao galego por Laura Sáez e Óscar Villán, está publicado pola editorial Patasdepeixe de Vigo.
Trátase dun álbum que nos conta como un neno come libros e libros de maneira que se vai facendo máis listo, ata comprender que o mellor é... lelos, aínda que de cando en vez ocorre o que nos mostra a cuberta.

Un libro para ler, mirar, disfrutar e procurar non comer.

8/8/10

Feira do libro de A Coruña

Dende o pasado día 1, e ata o día 10, estase a celebrar nos xardíns de Méndez Núñez a edición XXXIX da Feira do libro. Coma todos os anos ademais da exposicón e venda de libros están programadas actividades diversas: animacións dirixidas aos nenos, presentacións de libros, firma de autores, sorteos, ...
Paseando polo maravilloso recinto onde se celebra, na busca de lecturas interesantes tanto para adultos coma para nenos, atopamos este libro que chama a atención polo seu título:

Cómo enseñar a tus padres a disfrutar de los libros para niños, da editorial SM, escrito por Alain Serres e ilustrado por Bruno Heitz.



O libro recopila moitas das excusas que se poden utilizar para non ler libros infantís e os correspondentes argumentos irrebatibles a favor da súa lectura.
Recomendado para pais que se cansan de ler libros cos seus nenos e para os que pensan que a literatura infantil supón unha perda de tempo.

En xeral, para todos os pais e para todos os nenos porque é un libro-álbum divertido e imaxinativo.

2/8/10

Victor Rivas. Revista Retranca


A imaxe mostra a obra realizada por Victor Rivas e Kiko da Silva para a revista Retranca. Trátase da páxina 4 do número 22, correspondente ao bienio outubro-novembro de 2009.

Retranca é unha revista de humor galego que dirixe Kiko da Silva, nela reflíctese e cuestiónase a realidade galega a través da risa. Conta con autores coma Miguelanxo Prado, Manuel Rivas, Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Kohell, Andrés Meixide, Luís Dávila e Mel, entre outros. Cada número está adicado a un tema de actualidade: a crise, o feísmo, cambio climático, …

Unha mágnifica maneira de reflexionar sobre o que nos está a pasar lendo e rindo con esta revista xenial!