22/3/10

A auga está enferma


Autor: Miquel Obiols
Ilustrador: Óscar Villán
Editorial: Kalandraka

Ao abrir a billa, a auga retorcíase para arriba, para abaixo, para os lados, semellaba unha serpe. O chorro que acababa de saír negábase a entrar no vaso que tiña na man o pai, e o neno tiña moita sede. Que lle pasaría a auga?

A literatura ten como función, ademais de entreter, ampliar o noso campo de percepción e pensamento.
Hoxe, día Mundial da Auga, é un bo momento para disfrutar con este bonito libro e reflexionar sobre a situación deste elemento vital para todos nós.

8/3/10

Valdemuller


Autor: Xosé A. Neira Cruz
Editorial: SM. Colección Barco de Vapor. Serie Vermella
A
Minia vai cumprir quince anos e está preparando a celebración habitual na súa familia. Moitos dos tópicos que rodean a celebración non lle gustan, pero, por sorte, algúns sofren cambios debido a situacións fortuitas.
O día da festa recibe un agasallo moi especial: un colgante en forma de estrela, que pon a toda a familia un tanto nerviosa.
A partir dese momento emprende unha investigación que a leva a descubrir os segredos que esconde o colgante e as historias que oculta a súa familia, ao mesmo tempo que se vai coñecendo e aceptando a si mesma.
A
En Valdemuller ponse en dúbida a validez dos roles clásicos e proponse unha renovación das conductas que leve a unha sociedade máis xusta.
A partir desta obra podemos analizar o papel da muller ao longo do século XX, seguindo a historia das tres xeracións da mesma familia.

7/3/10

Ota quere voar


Autora: Ánxela Loureiro
Ilustrador: Santiago Eiroa Pazos
Editorial: Xerais. Colección Merlín

É a historia dunha gaivota chamada Ota.
A súa curiosidade e o seu carácter intrépido lévana a botarse a voar antes que os seus compañeiros e a deixar a casa para emprender unha viaxe na que vai tomando conciencia do seu corpo e de como é o mundo que a rodea. Grazas á súa personalidade, sempre positiva, vai axudando a todos os que atopa polo camiño.

Bonito relato, moi ben ambientado visualmente, que nos presenta unha personaxe feminina caracterizada por ser positiva, curiosa e dotada cunha gran intelixencia e forza de vontade.

5/3/10

Agustina, la payasa


Autor: Otfried Preussler
Ilustrador: Pablo Echevarría
Editorial: SM. Colección El Barco de Vapor. Serie Blanca

Agustín actúa no circo.
Agustina queda na casa e ten que coser, fregar, cociñar, coidar os fillos, ... Pero o que realmente lle gustaría facer é traballar no circo co seu esposo.
Un bo libro para disfrutar e para axudarnos a reflexionar cos máis pequenos sobre o papel das mulleres na sociedade.