
Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela, en 1978. Actualmente é profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa cidade natal.
Narrador e poeta, é especialista en literatura de tradición oral.
Como narrador deuse a coñecer en 1988, co relato Na terra sombría; obras posteriores súas son: Historia dun paraugas azul, A biblioteca da iguana, A tres bandas, O demo á orella, Morning Star, Tarxeta vermella.
Os seus contos de medo están recollidos no volume Triloxía pánica.
En colaboración con Antonio Reigosa e Xoán Rodríguez Cuba publicou o Diccionario dos seres míticos galegos e Pequena mitoloxía de Galicia , así coma os contos da colección Cabalo Buligán da editorial Xerais, recollidos da tradición oral.
Ao longo da súa carreira recibiu varios premios como o Xerais de novela ou o Merlín.
Como autor de literatura infantil publicou: Lúa e os nubeiros, O coello Federico, Feitizo, Ariadna, Pel de lobo, Álvaro e Álvaro, Federico na silveira, Amancio Amigo e o Meigo de Salamanca, Amancio Amigo e o demo da botella, Cando os animais falaban.
Isto foi o que nos respondeu:
Marimanta: Nome?
Miranda: Xosé Miranda Ruíz
M: Profesión?
Miranda: Son profesor de bioloxía no ensino secundario.
M: Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Miranda: Vinte e pico, desque naceron meus fillos.
M: Como se che ocorreu adicarte a isto?
Miranda: Eu escribía só para adultos. Cando naceu a miña filla pensei que sería boa idea escribir un libro para ela. O libro chámase Lúa e os nubeiros. Despois naceu meu fillo e escribinlle outro libro, Álvaro e Álvaro. Teño que dicir que os meus fillos chámanse Lúa e Álvaro. Despois xa continuei. Ademais, ao tempo estaba recompilando e reescribindo contos de transmisión oral; tivemos a idea de facer a colección Cabalo Buligán, e de aí a escribir contos para nenos hai só un paso, que ademais é natural.
M: Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Miranda: Depende moito dos libros. Algúns, como Pel de lobo, teñen moita elaboración e leváronme máis tempo. Pero en xeral, doulles moitas voltas no maxín antes de poñerme diante do teclado. Unha vez que me poño, sae rápido e case sen correccións.
M: Como aparecen as ideas para as historias?
Miranda: Non sei. De lecturas, do que escoitas, de soños, de reflexións, de lembranzas da infancia. Creo que a literatura é memoria fermentada.
M: Autores de literatura preferidos?
Miranda: Marcel Schwob, Cunqueiro, Stevenson, Borges, Jorge Amado, Blanco Amor, Manuel Antonio, Rosalía, Aquilino Ribeiro...
M: Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil só son para nenos e adolescentes?
Miranda: Por suposto que non. A literatura infantil e xuvenil é a que tamén poden ler os nenos.
M: Próximos proxectos confesables?
Miranda: Un libro que se chamará algo así como Aventuras do Correverás, o Brincaparedes e o Mirapratrás. Eran tres cousas que meu pai me prometía cando saía de viaxe, pero nunca cheguei a velas. Ademais, agardo continuar coa serie de Amancio Amigo.
M: Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!
No hay comentarios:
Publicar un comentario