
Se pelexamos entre nós, métense eles. Non se decatan de que as nosas liortas son namais que enredos. Rabuñámonos agora e daquí a un chisco estamos amigos outra vez.”
Así comeza o capítulo adicado aos grandes.
Memorias dun neno labrego foi publicado por primeira vez en xaneiro de 1961 en Bos Aires (Arxentina), onde vivía naquel momento o seu autor, Xosé Neira Vilas, nado en Gres, Vila de Cruces (Pontevedra), en 1928.
A editorial encargada desta labor foi Follas Novas, fundada catro anos antes por Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda.
En Galicia publicouse por primeira vez en maio de 1968 por iniciativa de Edicións O Castro.
Existen tamén edicións en castelán, portugués, alemán, catalán, euskera, ruso, italiano, checo, inglés, francés.
O autor conta desde a óptica de Balbino a vida dun neno mergullado nunha aldea do interior de Galicia nos anos 20-30 do pasado século. Balbino é un neno labrego, ten unha familia moi pobre que traballa as terras do señor, pensa moito no mundo e reflexa a súa vida nunha especie de diario.
É este un texto clásico da literatura infantil e xuvenil que constituiu un fito na literatura galega debido ao seu éxito e impacto popular. Aínda que a vida nas nosas aldeas non sexan hoxe como a que nos conta Balbino, a lectura desta obra segue sendo unha fermosa maneira de coñecer o noso pasado recente.
1 comentario:
Foi un libro de cabeceira para min, a persares de costarme un suspenso por ter discutido o punto de vista dun mestre sobre el ( non lembro nin a miña postura nin a súa) pero a súa dona (miña irmá) rematou por reconquistalo. Cecais sexa bo intre para mercalo de novo. Apertas
Publicar un comentario