
Nesta ocasión trátase da serie de historietas creada polo autor belga Georges Remi (Hergé), que está constituída por un total de 24 álbums, publicados dende 1930 ata 1976. O último, Tintín e a Arte-Alfa, non chegou a rematarse, aínda que se publicaron posteriormente os bosquexos realizados polo autor.
Tintín é un intrépido reporteiro de aspecto xuvenil e idade nunca aclarada que viaxa por todo o mundo xunto co seu can Milú, acompáñano unha serie de personaxes secundarios, tan célebres coma el, entre eles, o capitán Haddock, o profesor Tornasol, os detectives Hernández e Fernández e a cantante Bianca Castafiore.
As aventuras destes personaxes están coidadosamente ambientadas en escenarios reais dos cinco continentes, e en lugares imaxinarios, tales como Syldavia ou San Theodoros, e lévano a vivir os principais conflictos da época: dominación colonial, revolución rusa, tráfico de esclavos, viaxe á lúa…
A fama de Tintín non estivo libre de polémicas, xa que algúns dos primeiros álbums da serie recibiron críticas por mostrar supostamente unha ideoloxía colonialista e racista como é o caso de cando Tintín viaxa ao Congo belga. Máis tarde, en cambio, ponse de lado dunha minoría oprimida: denunciando a opresión que sufriron os indios en Estados Unidos, a intervención xaponesa en China ou rescatando a uns peregrinos á Meca, todos eles negros, que ían ser vendidos como escravos por uns traficantes.
Unha característica chamativa da serie é a ausencia casi absoluta de personaxes femininos. O único importante, a cantante Bianca Castafiore, é sobre todo un personaxe cómico. Ningunha das outras mulleres que aparecen ten unha auténtica relevancia.
Nós propoñémosvos que disfrutedes da lectura destes famosos cómics e saquedes conclusións propias.