29/1/12

30 de xaneiro. Día Escolar da Paz

IRMÁUS

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética. Factoría K de libros


Se queres escoitar a versión cantada por Fuxan os ventos, clica aquí.

22/1/12

Cando os animais falaban

¿POR QUE SE CHAMA CARACOL, O CARACOL?

¿Queredes saber por que lle chaman caracol ó caracol?
Unha vez estaban Xesús Cristo e San Pedro poñéndolle nome a tódolos animais e xa acabaran de poñérllelo a todos agás a un bichiño pequerrecho con cornos que ía arrastrándose moi a modo polo medio dunha horta. San Pedro, ó velo, dixo:
—Xesús, quédanos ese sen nome. ¿Como lle poñemos?
E ponse Xesús a cavilar e di:
—Pois mira, xa está, como vai cara a unha col, ímoslle poñer caracol.
E salta o caracol todo amolado:
—¡Pois menos mal que non ía cara a un allo!


Texto extraído do libro:



Título: Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo

Autores: Xosé Miranda e Antonio Reigosa

Ilustrador: Andrés Meixide

Editorial: Xerais



Este libro trata sobre a orixe de moitos fenómenos naturais e conductas humanas, nun tempo en que os animáis falaban entre eles e cos homes, e había paz e harmonía e todo na terra era benestar.
Son contos tirados da tradición oral galega, que explican, á súa maneira, por qué as cousas son dese xeito e non doutro. Refírense os tempos primitivos, os tempos da creación, cando se decidiu que as cousas fosen como son, que a cobra non tivese patas, de onde saen os sapoconchos, que o sol tivese raios e a lúa cuartos, como se pode saber que día vai facer mañá, por que o Eume ten curvas.

6/1/12

Isaac Díaz Pardo

Imaxe recollida da Biblioteca Virtual Galega.



Dende este humilde blog nada podemos engadir a todo o dito sobre a figura irrepetible de Isaac Díaz Pardo e o que supuxo para Galicia a súa gran labor.
Podemos, iso si, facer pública a admiración e o agradecemento que desperta en nós a súa obra e a súa persoa e asegurar que sempre vivirá na nosa memoria. Esperamos que a semente que el espallou siga dando froitos.


Queremos destacar, por tratarse máis directamente do noso ámbito, a aportación á literatura infantil e xuvenil dende Ediciós do Castro, á que lle debemos a publicación de xoias coma Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas; O noso Pepe, Chuchamel, Contos para a escola, de Concha Blanco; A meiga Dona Paz, de Antoniorrobles, …

2/1/12

Milu

Autor: Manuel Rivas

Ilustradora: Aitana Carrasco

Editorial: Kalandraka


Milu vivía feliz na súa casa, cos seus pais e a súa inseparable amiga Nana, ata que os pais comezaron a perder cousas e xa non puideron ocuparse dela e entón todo cambiou…


Milu é a voz de moitos nenos e nenas que atravesan situacións de desvantaxe social e necesitan de axuda para poder recuperar o seu dereito a vivir en familia e con el a esperanza dun futuro mellor.
É un libro solidario posto que o 10% do recadado na súa venda vai parar á Fundación Meniños.