26/7/11

Ler... tamén en verán

Chega o verán, ese tempo case máxico para os pequenos no que apremia unha tentación en apariencia moi sá: esquecer todo o que teña que ver co académico, co estudo e coa disciplina da aula e da escola en xeral. Chega tamén, entón, un período de distensión necesaria para aquelas e aqueles que empregaron moitas, moitísimas enerxías en sacar o curso adiante, en cumprir uns programas (falo de alumnos e de profesores), de rematar, en fin, un ciclo vital. E resulta perfectamente comprensible ese desexo de abandonalo todo temporalmente, polo menos até o vindeiro curso.

E emprego a palabra “tentación” porque, na cultura que nos veu nacer, é frecuente asociar algo tan corrente como ler a unha situación académica, ou que, polo menos, debe ter unha xustificación. Na maioría das ocasións “lemos para algo”: lemos o xornal para informarnos da actualidade; lemos libros profesionais para desenvolver mellor o noso traballo; pero que pasa cando lemos porque si?

Que ocorre cando unha persoa le por puro hedonismo, polo mesmo motivo que vai ao cine, desfruta dunha boa comida ou recibe unha masaxe? Que ocorre cando lles dicimos aos nosos pequenos que tras os libros e os contos (non confundamos ambas palabras) hai unha fonte incrible de pracer? E que ocorre cando non só llelo dicimos senón que participamos con eles dese marabilloso proceso de encontro cunha realidade pluridimensional que é a literatura e, en fin, a vida mesma?

É preciso que, ao chegar o verán, os nosos nenos e nenas deixen de soñar a habitar outros lugares, a vivir outras vidas, e mesmo a habitar outras épocas? A literatura infantil, non o esquezamos, non é “cousa de nenos”. Non se trata de historias para os que non entenden, de inferior categoría, ou de pouca importancia vital. Os nosos pequenos son, simplemente, pequenos. Pero non tontos. E os libros que os autores (escritores e ilustradores) crean para eles non contan verdades menos “serias” que as historias de adultos. Simplemente están contadas nunha clave adaptada á súa idade e momento evolutivo.

Porque hai libros que axudan aos nenos a comprender a separación entre pais e fillos (a morte, as viaxes, as separacións,...); outros fálanlles da amizade, do amor aos amigos, ás parellas; noutros atoparán como vencer moitos dos medos que a cotía viven con eles; e na maioría deles, se están ben construídos, aprenderán a sentir un bocadiño máis da vida que pouco a pouco van coñecendo. E os libros, en si, non son máis importantes que unha boa película, un bo videoxogo, unha boa obra teatral, unha boa obra musical, ... porque todas elas son “lecturas” da realidade.

Pero os nenos, sobre todo nas súas idades máis temperás, precisan de “mediadores” que lles lean, nunhas ocasións, e que lles “contaxien”, noutras. No verán xa non está o mestre ou a mestra que lles estimule o pracer por saber e emocionarse. Agora estamos nós, con eles. Dicía a escritora e profesora Teresa Durán que o acto da lectura infantil debería ser un “ménage à trois”, un acto amoroso de a tres. Porque ler un libro a un pequeno non é ler as letras, os parágrafos, as páxinas...e xa está. Ler un conto a un neno é, ante todo, emocionarse con el, asustarse con el, berrar con el, aínda que iso signifique saltar parágrafos, ou mesmo cambiarlle o nome a algún personaxe.

Se comprendésemos que ler con pequenos é un acto de amor, visitaríamos máis as librerías e as bibliotecas, que teñen seccións especializadas para eles. Destinaríamos parte do que a crise nos permite a enriquecer, de a pouquiño, a súa biblioteca particular, onde agochan os seus tesouros persoais. E, sobre todo, buscaríamos o tempo necesario (e imprescindible) para ter momentos de intimidade cos pequenos, nos que enfrontármonos xuntos a monstros, príncipes, viaxes marabillosas, xentes doutras terras, e, entre risos, sorpresas e páxinas, írmonos quedando durmidos, coa ansia de, o día seguinte, volver a empezar.´

Xosé Tomás (Colectivo Marimanta)

10/7/11

Marimanta entrevista a Miguel Vázquez Freire

Naceu en Corcubión no ano 1951. É profesor de Filosofía no ensino secundario. Foi director da revista infantil “Golfiño”, codirector da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia e co-autor dos materiais educativos de Filosofía de Xerais. Promotor de «Pé de Imaxe» e de Nova Escola Galega, pertence ao consello de redacción da Revista galega de educación. Da súa obra narrativa destaca Proxecto Pomba Dourada (1987), As aventuras do Gato Bógar (1989), A malvada María Xosé (1989), A cor do elefante e outros contos (1994), Anxos en tempos de chuvia (1997), A primeira máquina de fotos (1998), O neno que tiña medo dos robots. O robot que tiña medo dos nenos (1998), Contos de Reis e de Nadal (2007), O souto escuro e perigoso (2011), a peza teatral A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos (1995), en colaboración con Gloria Sánchez. No apartado de narrativa para adultos destaca o conxunto de relatos breves Galería de esquecidos de Feliciano Lobelos (1993).

Esta é a entrevista que concedeu ao noso colectivo:

Nome?
Miguel Vázquez Freire
Profesións?
Profesor de Filosofía de instituto de ensino secundario.
Anos adicados á escritura infantil e xuvenil?
Comecei dirixindo unha pequena revista para lectores infantís en Madrid arredor do ano 1975.
Como se che ocorreu adicarte a isto?
Foron circunstancias, en parte fortuítas, en parte procuradas. A oportunidade de dirixir a revista infantil –que finalmente foi publicada en formato libro co nome “Escocuentos”- foi resultado dun azar. Logo xa eu encontrei que a comunicación cos lectores infantís era algo que me interesaba especialmente, que conectaba coa miña vocación docente, e xa nunca o deixei.
Escribes con rapidez as obras ou cústache sacalas adiante?
Eu son un escritor lento, que maduro moito as ideas, que desboto moitas máis das que finalmente acaban medrando, e que corrixo tamén moito antes de dar por pechado un libro. Por outra banda, hai historias que saen correndo, case enteiras desde o primeiro momento, en especial no caso dos contos; e outras que se atoan, que reclaman pelexas moitas veces longas e demoradas.
Como aparecen as ideas para as historias?
Aparecen como e cando elas queren. As ideas andan por aí, ceibes, e un pode atopalas nos tempos e lugares máis inesperados: nunha persoa que cruza a rúa entre os coches, nunha nova nos xornais, na anécdota escoitada de boca dun amigo ou amiga, nas accións as veces máis aparentemente insignificantes dun neno ou dunha nena que coñeces, nos libros que les e nas pelis que ves, nas historias do pasado, no que imaxinas para o futuro, nas luces, nas sombras...
Autores de literatura preferidos?
Son tantos que a lista se faría interminable. E cambian co tempo. Teño autores para cando estou triste e outros para cando ledo, algúns para cando dispoño de tempo e podo ler de vagar, outros para ler axiña, uns para viaxar e outros para ler na cama antes de durmir. E hai algúns que serven para todo como, por exemplo, Álvaro Cunqueiro, que ten contos lixeiros e novelas máis densas, ten poesía e ten teatro, e ten, sobre todo, unha escrita que soa sempre a música e a palabra exactas.
Realmente as obras de literatura infantil e xuvenil son para nenos e adolescentes?
Vaia, isto é algo así como preguntar se realmente os triángulos teñen tres ángulos! Eu diría que se non son para nenos e adolescentes logo tampouco non son literatura infantil e xuvenil. Claro que entendo que a pregunta vai referida aos libros que as editoras presentan nas súas coleccións ditas infantís e xuvenís. O problema é daquela se as editoriais acertan sempre ao escolleren eses libros. E é obvio que non sempre acertan. Os nenos e nenas son os que acertan sempre porque son eles quen teñen a última palabra. Pero, por outra banda, os gustos dos nenos e nenas non está formado de saída, non é algo que estea xa dado sen máis, senón que pode ser conformado nun sentido ou noutro e é aí onde a literatura infantil debe xogar o seu papel, en colaboración cos chamados mediadores (profesorado, pais e nais, bibliotecarios). A boa literatura infantil debe contribuír a formar o gusto literario dos pequenos lectores, non está obrigada a dar o que se presume que eles queren. Dos adolescentes non digo nada porque penso que poden ler perfectamente calquera obra. O que chamamos literatura xuvenil adoita ser literatura que conecta de forma especial cos intereses do lector adolescente pero literariamente non esixe características particulares como si o esixe o libro para nenos pequenos.
Próximos proxectos confesables?
Teño unha peza de teatro, escrita en colaboración, e dous contos breves buscando editorial. Ando cun proxecto aínda máis ben vago dun álbum en colaboración cun ilustrador. E teño o propósito firme de concluír unha novela que me ten ocupado desde hai uns cinco anos, pero isto último é o máis inseguro de todo.
Un millón de grazas. Prometemos fidelidade absoluta!

5/7/11

Como comunicarse con abanos

O abano, ademais de ser un elemento indispensable na indumentaria dunha época, converteuse nun instrumento de comunicación ideal nun momento no que a liberdade de expresión das mulleres estaba totalmente restrinxida.

Cando as damas do século XIX e principios do XX ían aos bailes eran acompañadas pola súa nai ou por unha señorita de compañía, co fin de que estas velasen polo seu comportamento, polo que as mozas tiveron que inventar un medio para poder comunicarse cos seus pretendentes e pasar desapercibidas.

O abano converteuse nun auténtico parapeto de todo un repertorio, do que vemos algúns exemplos:

1.- O abano colocado cerca do corazón: Gañaches o meu amor
2.- Pechar o abano tocando o ollo dereito: Cando poderei verte?
3.- As dúas mans xuntas suxeitando o abano aberto: Esquéceme
4.- Esconder os ollos detrás do abano aberto: Quérote
5.- Achegar o abano ao redor dos ollos: Síntoo
6.- Tocar co dedo a parte alta do abano: Desexaría falar contigo
7.- Deixar o abano descansado sobre a fazula dereita: Si
8.- Deixar o abano descansado sobre a fazula esquerda: Non
9.- Abrir totalmente o abano: Espérame
10.- Situar o abano detrás da cabeza: Non me esquezas
11.- Situar o abano detrás da cabeza co dedo estendido: Adeus
12.- Dar voltas ao abano coa man esquerda: Estannos vendo
13.- Dar voltas ao abano coa man dereita: Quero a outro
14.- Entregar o abano pechado: Quéresme?

Se queredes profundizar no coñecemento deste tema podedes ir á páxina todoabanicos.com