20/9/10

Características dos lectores de libros electrónicos

Xa dixemos que un ebook pode lerse en calquera dispositivo que teña memoria e pantalla.
Imos agora centrarnos nas características dos ebook reader, que teñen como función específica a lectura de libros electrónicos:
  • Son dispositivos móbiles con baixo consumo de enerxía para permitir lecturas prolongadas sen necesidade de recargas.
  • Teñen pantallas con dimensións suficientes para mostrar documentos tradicionais.
  • Dispoñen dunha tecnoloxía denominada tinta electrónica, na que se simula a lectura sobre o papel debido á ausencia de iluminación propia e ao alto contraste obtido (non emana luz e non xera reflexos). Non necesita alimentación máis que nos cambios de pantalla, de aí o seu baixo consumo de enerxía.
  • As pantallas de tinta electrónica non teñen retroiluminación, polo tanto non se poden ler sen unha adecuada iluminación.
  • A escala de grises que manexan oscila entre 4 e 16 niveles de gris.
  • Un lector de eBook pode almacenar centenares de títulos literarios e científicos.
  • Pódese cambiar o tipo e tamaño da fonte, agrandala ata poder ler correctamente, tomar notas e logo borralas.
  • A maioría de lectores posúe a función text-to-speech, que permite que lea en voz alta.

15/9/10

Contos por palabras


“É verdade que sigo sendo o propietario dunha empresa de limpeza, pero debo engadir que agora é a máis poderosa da cidade. A que limpa as cristaleiras máis altas. A que se atreve coas encargas máis arriscadas. A que conta con oitenta empregados en nómina. Aínda que mellor sería dicir que conto con setenta e nove máis un. Porque eu ben sei que se non fose polo meu empregado-estrela, as cousas habían ser moi diferentes.
Lembro ben o día en que chegou ó meu despacho. Era un venres pola mañá, e pedírame por teléfono unha entrevista, respondendo o anuncio por palabras que eu puxera nos xornais. Estaba tomando un café con leite ben quentiño, pois era tempo de inverno, cando alguén petou na porta e, sen darme nin tempo a reaccionar, atopeime con aquel home diante de min, vestido cun estraño traxe vermello e azul que se lle pegaba o corpo e o cubría dos pés á cabeza.”


Quen credes que será o empregado-estrela desta empresa de limpeza?
Se desexades coñecer a historia completa podedes ler o libro
:

Contos por palabras

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Miguel Vigo ou Enjamio (segundo a edición)
Editorial: Xerais ou Biblioteca Galega 120 de La voz de Galicia


Está composto por relatos curtos nos que o autor imaxina historias de xente corrente a partir da lectura dos anuncios por palabras que aparecen nos xornais.
Os textos oscilan entre o elemento marabilloso (como no caso do dono dunha axencia de contactos empeñado en atoparlle parella a un unicornio azul) e o realismo (unha nai está obsesionada por converter á súa filla en nena-anuncio), polo que non sorprende que nunha funeraria contraten a Drácula e nunha empresa de limpeza traballe eficazmente ...

7/9/10

Outra forma de ler: ebooks

Un libro dixital ou ebook é a versión electrónica dun libro. Son varios os formatos nos que se poden presentar: PDF, EPUB, MOBI, PRC, FB2, HTML, TXT, LRF, ...
Diversos dispositivos poden utilizarse para lelos: un PC, unha PDA, un portátil, un teléfono móbil, en xeral, calquera que teña memoria e pantalla.
Dende hai uns anos entraron no mercado uns dispositivos específicos para ler libros electrónicos ou ebooks, chamados lectores de libros electrónicos, ebook reader ou, simplemente, ebook. Este tipo de elementos caracterízase por ofrecer unha pantalla de considerables dimensións e cunha tecnoloxía denominada tinta electrónica que permite a lectura de igual forma que se logra utilizando como soporte o papel. Son dispositivos que consumen pouca enerxía e son facilmente transportables. Algúns á lectura de libros engaden outras posiblidades como uso de dicionarios, busca nos libros, escritura de notas, suliñado.

En posteriores entradas iremos vendo máis polo miúdo as características deste mundo da lectura electrónica.