27/7/10

Dave McKean. Los lobos de la pared


Guión: Neil Gaiman
Dibujos: Dave McKean
Editorial: Astiberri Ediciones

A protagonista desta historia é Lucy, que vive cos pais e o irmán. Nas paredes da súa casa Lucy escoita ruídos raros, que segundo ela son provocados por lobos que habitan dentro das paredes, e que están intentando saír. Cada vez que lle conta a alguén a súa teoría, a resposta é a mesma: “Iso é imposible, porque como todo o mundo sabe, se os lobos saen das paredes, todo está perdido”. E xusto entón os lobos saen das paredes…

É un relato infantil que resulta igualmente interesante para os adultos. Tanto se pode dicir que é un conto coma que é un cómic. O que ocorre nesta historia ensina unha serie de leccións a quen aínda non as sabe e recórdallas a quen xa as coñece, entre elas, que o feito de que todo o mundo pense que non se pode facer nada ante o que está establecido dende sempre non significa que en todos os casos sexa así.


Dave McKean naceu en Maidenhead (Inglaterra) en 1963. É un dos ilustradores e diseñadores máis importantes de Gran Bretaña.
Ilustrou portadas de discos, de libros; participou en proxectos publicitarios; dirixiu curtametraxes; pero sobre todo é coñecido polas súas novelas gráficas, elaboradas en colaboración con Neil Gaiman.

22/7/10

Viñetas dende o Atlántico


A edición número 13 do Festival Internacional de Banda Deseñada da Coruña "Viñetas dende o Atlántico" vaise celebrar entre os días 9 e 15 de agosto, aínda que haberá exposicións que perduren durante todo o mes.
Como en anos anteriores, personaxes de cómic recreados en cartón pedra tomarán a cidade. Ao repertorio xa habitual: Superman, Spiderman, Tintín, Capitán Trueno, Mortadelo e Asterix, unirase este ano Joker, o eterno inimigo de Batman.
Durante esa semana desenvolverase nos Xardíns de Méndez Núñez a feira de libreiros e editores. Nese mesmo espazo situarase a Carpa do Cómic, onde se levarán a cabo numerosas actividades relacionadas co sector.
O debuxante americano, Will Eisner, falecido no ano 2005, será un dos protagonistas.
A lista de debuxantes invitados inclúe, entre outros, a Víctor Rivas, Camille Jourdy, Dave McKean.
O festival adicará unha exposición específica ás tiras que se publican na prensa e outra ao esqueleto, que revisará o tratamento que a historieta fai desta parte da anatomía; así mesmo veremos unha exposición sobre historias que se desenvolven en cidades mergulladas.
Este ano estrease páxina web: www.vinetasdesdeoatlantico.com, na que atoparemos información sobre convidados, exposicións, conferencias.

En próximas entradas iremos descubrindo algo máis sobre os protagonistas deste importante festival que nos permita disfrutar ao máximo das súas actividades e exposicións.

16/7/10

Rosalía de Castro para nenos


Edición de Victoria Álvarez
Ilustracións de Celso Dourado
Ediciones de la Torre
Cúmprense 125 anos do pasamento da nosa gran poetisa, figura principal do Rexurdimento. Despois de séculos de oscurantismo nos que non se publicaron obras relevantes en galego ela asume con naturalidade a defensa e a canción da súa Galicia natal, dentro do movemento europeo en pro das culturas autóctonas e tradicionais.
Nesta edición os rapaces atoparán datos biográficos, comentarios da obra de Rosalía e unha bonita escolma dos seus poemas.

9/7/10

Unha viaxe á Idade Media


Título: A Nosa Historia
Autor e ilustrador: Pepe Carreiro
Asesoramento histórico: Manuela Álvarez Lozano
Editorial: A Nosa Terra
Un bo momento para coñecer algo máis da vida dos nosos antepasados do Medievo.
Nesta colección de 20 volumes Pepe Carreiro da un repaso global á historia de Galicia, dende os prehistóricos ata os galegos actuais, dunha forma amena e sinxela.
É unha boa lectura para disfrutar en familia porque se adapta a diferentes idades.

5/7/10

Construtores. Animais extraordinarios


Autor: Xulio Gutierrez
Ilustrador: Nicolás Fernández
Editorial: Factoría K de libros
Castores, aves, avespas, térmites, peixes e outros seres mariños, ..., todos necesitan construir a súa casa e algúns fano dun xeito ben curioso.
Libro cunhas maravillosas ilustracións que nos acerca a diversos animais e ás formas diferentes de construir as súas goridas.