29/4/10

Endrina e o segredo do peregrino


Autora: Concha López Narváez
Editorial: Galaxia

Camiño de Compostela, van dous camiñantes. Un é vello e parece moi canso. O outro é mozo, forte e baril. A eles unirase nas montañas de Navarra unha rapaza de quince anos, Endrina, que coida os seus rabaños. Facendo o Camiño de Santiago, Endrina vivirá aventuras, coñecerá o mundo e descubrirá o amor. Todo iso mentres se pregunta cal pode ser o segredo que gardan os seus dous acompañantes.

Bonita historia de amor e misterio, coa que podemos aprender máis sobre o Camiño de Santiago e a vida no medievo dunha forma lúdica.

21/4/10

Outras reflexións

O placer por ler non se esperta de forma automática, supón unha aprendizaxe.

A estimulación debe adecuarse ás habilidades e intereses dos nenos e nenas.

Temos que dar de ler, sen pedir nada a cambio. Dar tempo para que descubran o bo que hai na lectura.

Os intereses e as aficións contáxianse. É necesario que eles vexan que realmente nós disfrutamos co libro.

A curiosidade espértase, non se pode impoñer.

7/4/10

El Grúfalo


Autora: Julia Donalson
Ilustrador: Axel Scheffler
Editorial: Macmillan. Colección Librosauro

Mentres o rato pasea polo bosque atopa ao raposo, ao moucho e á serpe. Todos o invitan a comer, ou será que o queren comer a el?
O rato non pode acompañalos, está esperando a un grúfalo. E que é un grúfalo? Un ser monstruoso ao que todos temen... Pero de verdade existe o grúfalo ou é invención do rato?

Un bonito conto que se compón de párrafos rimados, cunha excelente ilustración, e que nos ensina que non sempre ganan os máis grandes e fortes, a astucia vale máis.

1/4/10

A familia xoga un papel importante na formación de bos lectores.

Ler na casa:
1. Buscar un tempo e un lugar para ler todos os días cos nenos e nenas.
Esta lectura non debe estar relacionada coas tarefas escolares.
É máis importante a calidade da relación establecida que a cantidade (15 minutos poden ser suficientes).
Sentarse ao seu carón e ler para eles e con eles.

2. Compartir a lectura en familia, aínda que sexan autónomos lendo.

3. Facer da lectura un tempo divertido.

4. Ler libros, revistas, xornais que lles resulten interesantes para poder comentar o que neles aparecen.
Non pedirlles que fagan resumos, que expliquen o que entenderon, non é un traballo, é un placer.

5. Demostrar que para os pais a lectura é gratificante, ler diante deles, comentar o libro que se está lendo.

6. Interesarse e preguntarlles polo libro que están lendo (de forma voluntaria ou porque lles mandaron no colexio).

7. Falar cos nenos e nenas dos seus gustos e intereses.

8. Axudarlles a seleccionar libros, sen impoñer as preferenzas dos adultos.

9. Mostrarlles os recursos dos que dispoñen na súa localidade no referente a buscar información e libros.

10. Acompañalos a librerías, bibliotecas.

11. Calquera motivo pode ser bo para ler, axudarlles a comprobar que a lectura é importante para calquera actividade.