28/2/09

Club de lectura de Banda Deseñada

Hoxe, sábado 27 de febreiro, celebramos o segundo día do CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA. Ademais de falar de "Arrugas", de Paco Roca, e de desmenuzar tantos e tantos detalles da obra ( e de namorarnos máis se cabe dela), fixemos algo moi importante: darlle nome ao noso club de lectura. Non podía ser outro: "YELLOW KID"... o primeiro personaxe de banda deseñada da historia, que vestía de amarelo (claro está), e que, curiosamente, falaba a través do seu traxe. Xa temos outra obra para ler durante o mes de marzo: "A mansión dos Pampín", de Miguelanxo Prado. Dende Marimanta estamos orgullosos da calidade dos lectores, do seu traballo (moitos viñeron con libretas cheas de notas, libros plagados de post-it,...), e do entusiasmo con que participaron e compartiron as súas opinións e visións.
Así que... ÁNIMO E A SEGUIR. A vindeira reunión será o sábado 28 de marzo, ás 11:00h., no telecentro de Betanzos (a carón da Biblioteca municipal). Lembramos que a invitación non é só para nenos, senón tamén para adultos (nesta reunión había uns cantos, e moi entusiastas).

5/2/09

REMATE DA EXPOSICIÓN "GALICIA SOLIDARIEDADE"

Esta fin de semana pasada levantamos a exposición Galicia Solidariedade, e o regusto que nos queda é francamente positivo. Visitárona non só nenos e nenas, senón nais, pais, adultos, profesores e, moi importante, profesores con alumnos. Fixéronse as actividades que propoñiamos como guía da visita, por tramos de idades, e proba de que por alí pasaron moitas e creativas persoas son os murais que elaboraron in situ. Non podemos pedir máis.